Usted está aquí

As 103 Noiteboas de Esperanza Gutiérrez.

Esta veciña do Hío celebra o seu 103 cumpreanos e ten unha irmá que tamén supera a barreira do século.

Esperanza Gutiérrez, na actualidade, no seu domicilio // A.C.

Esperanza Gutiérrez, na actualidade, no seu domicilio // A.C.

As 103 Noiteboas de Esperanza Gutiérrez.

Esta veciña do Hío celebra o seu 103 cumpreanos e ten unha irmá que tamén supera a barreira do século.

Un artículo de anxo coya*

Á toda a familia de Esperanza, en especial a súa bisneta Eva Paredes Portas e a "Chapi"

De cando en vez chéganlle a un certos recordos: lembranzas dos consellos, dos cantares, dos contos ou dos traballos dos avós. En fin, a min pásame e lémbrome por exemplo de cando miña avoa María Otilia Otero Lorenzo (1916-2000) recordaba ás persoas da parroquia do Hío que naceran o mesmo ano ca ela. Entre esas persoas, da idade da miña avoa, atopábase e atópase a señora Esperanza Gutiérrez Gutiérrez que chegando ao 24 de decembro deste ano cumprirá 103 anos. Por se fose pouco, a curiosidade medra sabendo que ten unha irmá chamada Carmen con 101 anos. Algo non moi común nesta vida efémera na que navegamos.

Antigamente algúns matrimonios que non tiñan descendencia, adoitaban manter e coidar un neno/a doutro matrimonio con familia numerosa. Polo xeral ese rapaz ou rapaza convivía cos pais adoptivos e co pasamento destes, o adoptado sería, na maioría das ocasións, o herdeiro universal. Así lle pasou a Esperanza que chegou sendo unha rapaza á aldea de Pinténs, pois ela nacera en Donón: "Vín para Pinténs de tres anos (pode que algún máis) e sigho aquí". Alí conviviu cos seus pais adoptivos, Manuel (irmán do seu pai biolóxico) e Esperanza Gutiérrez Alonso que tamén foran seus padriños. Seus pais, Ramón Gutiérrez Lorenzo e de Juana Gutiérrez Costas, casaron nunha data moi celebrada no Hío. Foi o 29/11/1912, véspera de san Andrés, patrón da parroquia. Sabemos que os seus avós paternos eran José Gutiérrez e María del Carmen Lorenzo e os maternos Ramón Gutiérrez e Carmen Costas, todos labregos de Donón.

Sendo moza, ten nefastos recordos da Guerra Civil, "moitos aproveitáronse e roubaban roupa e comida e había que calar a boquiña compañeiro". Comenta Esperanza que casou despois da guerra, aos 23 anos con Ramón Portas Alonso:"O día da voda, fomos andando desde O Hío ata Cangas e despois collemos o barco para celebralo a Vigo".

E das festas, que me pode contar? "Había carnavales. Tamén nos xuntabamos dez ou doce e íamos cantar as Navidades, os Anos Novos e Os Reis e cantabamos: Á porta desta señora/ hamos de cantar baixiño/ ten o viño na bodegha/ hanos de dar un traghiño". Aproveitando que me recitou esta copla e sendo coñecedor de estrofas cantadas pola miña avoa, comencei a facer o mesmo entoando o primeiro verso de varias coplas e dun xeito inmediato ela continuaba. Algunhas son referentes á nosa comarca. Aí deixamos algunhas: "Se ides ao san Amaro/ traede o san Amariño/ se non podedes co ghrande/ traede o máis pequeniño. Santo san Andrés do Hío/ levávano para Aldán/ e nunca quiso pasar / o río de San Çibrán. Heime de casar en Nergha/ que é terra de moito pan/ o forno de miña soghra/ cría silvas polo vran. Nosa Señora de Darbo/ velaí e velaí vai indo/ o barquiño que a leva/ pareçe que vai durmindo. Coñeceu ao acordeonista Xaniño de Moaña e cantoume con alegría: "E toca Xaniño e toca por Dios, se pérdelo premio que será de nós". Foi capaz de recitarme un refraneiro que perdura na súa memoria: "En xaneiro colle ao obreiro mellor á mediados que á primeiros. Febreiro túmballe os cornos ao carneiro. En marzo igualarzo (os días e as noites iguálanse). En maio quérome levantar e caio. A chuva (choiva) de san Xoán tolle o viño e non da pan. O que vai a san Andrés e corre pouco, vai nun mes e ven no outro".Tamén se lembra de Piñó (Manuel Martínez Piñó), un médico que había no Hío: "Antes de estar Piñó de médico aquí, estivo don Marcelino". Efectivamente somos coñecedores de que Marcelino Pérez Conde, natural de Allariz, exerceu aquí como médico-practicante. Este estaba casado con María Dolores Barros del Amo, filla de Serafín Barros, veciño de Aldán e alcalde de Cangas en dúas ocasións.

A nosa protagonista coméntame que traballou na fábrica de conservas de Ameixide: "Traballei moito, filliño, moito e moi duro. Despois de vir de Ameixide había que ir ao monte ou a labrar. "Aquela vida é mellor que non volva". "Tiñamos que ir andando ás feiras de Moaña e Bueu e a vender feixes de leña en Cangas".

Pregúntolle se ten lembranza dun home de Pinténs morto nun barril cando este estaba pisando as uvas. De inmediato responde: "Si. Chamábase José "O do cuartel". Foi pisalas uvas e alí quedou dentro do barril". Suceso acontecido na data da vendima do 1928 que podemos atopar en distintos xornais. Concretamente o Faro de Vigo do 3/10/1928 di: /Ampliamos detalles sobre el hallazgo del cadáver de un hombre, dentro de un tonel en la parroquia de Hío...El Juzgado municipal y la Benemérita regresó del barrio de Pinténs a las tres de la madrugada. Todo hace suponer que la muerte del infeliz labrador fue una desgracia. Se llamaba José Martínez Otero, de 70 años, viúdo, vivía solo con una hija...El cadáver de este anciano se encontró dentro de una pipa-la cual estaba mediada de uvas- medio desnudo, lo que no cabe duda se encontraba pisando aquellas para hacer vino, faena que en esta época se hace en todas las bodegas vinícolas, sorprendiéndole la muerte ya fuese casual o motivado por las emanaciones que desprende la fermentación del mosto. El cadáver no presentaba señal alguna de violencia y parecía se hallaba dormido.../

Esperanza está ao coidado dos seus fillos Ramón e Juan e demais familia. No seu centenario, asistiu a unha comida familiar organizada polos seus e incluso se animou a entoar unhas cantigas. Hoxe en día é capaz de ler o xornal sen os lentes. Tan só desexamos que chegue o día da publicación desta crónica para que Esperanza poida lela como acostuma a facelo, en voz alta. Tal vez pasen moitos anos para que se dea un caso de dúas persoas irmáns e centenarias, probablemente xa non o vexamos. Cando menos agardamos con devezo que chegue o 24 para felicitala e poder cantarlle e darlle uns merecidos parabéns. Como di ela: " Falta o salto dun can, pero hai que cheghar".

Aquí rematamos esta crónica sabendo que mentres hai vida, hai ESPERANZA.

*Veciño do Hío

Couso Galán
Adolfo Dominguez
Blusens
Astilleros Barreras

Lo último en los blogs

Seguro que al cerrar un libro alguna vez has pensado en lo maravilloso que sería poder viajar al mundo en el que transcurre la historia. En...
Galicia es un lugar que puede llevar a cualquier viajero al paraíso de un momento a otro. Desde la monumental Santiago de Compostela hasta...

Lo último en los foros

No es un secreto que Galicia cuenta con vinos: blancos y tintos de los cuales algunos de ellos pueden ser considerados de los mejores del...
Se inicia este "Foro" en relación al proyecto "Galicia Universal", para que todo aquel que se identifique con el mismo, pueda emitir su...