'Galicia, un relato no mundo' bate récords no primeiro mes.
Tivo nese período doce mil visitas, superando a excepcional acollida doutras exposicións// Recibe de media 442 persoas ao día no Museo Centro Gaiás.
FOTO: G.- EL CORREO - 18.12.19 - LUIS MONTERO SANTIAGO
A exposición Galicia, un relato no mundo recibiu no seu primeiro mes un total de 12.000 visitantes, unha cifra récord que supera incluso a de mostras cunha excepcional acollida entre o público, como foi o caso de Castelao maxistral. A boa obra ao mestre honra, na que se exhibiu por vez primeira en Galicia o icónico cadro A derradeira leición do mestre de Castelao.
Cunha media de 442 visitantes por día, a primeira exposición do Goberno galego polo Xacobeo 2021, que se pode ver nestes momentos no Museo Centro Gaiás, espertou un grande interese entre o público, rexistrándose xornadas nas que se supera incluso o milleiro de persoas nas xornadas de maior afluencia.
O alto interese da exposición constátase tamén entre a comunidade educativa, e xa neste mes 1.400 escolares participaron nas visitas didácticas.
Outros preto de 6.000 estudantes de centros de ensino primario e secundario de toda Galicia teñen xa reservada a súa quenda para ir á Cidade da Cultura a coñecer a exposición comisariada por Manuel Gago.
Tamén o programa de visitas comentadas para público xeral está a ter unha extraordinaria resposta de público, tanto a través das súas quendas regulares -programadas todos os días de martes a domingo ás 17.30 horas e con entrada libre- como do ciclo Historias na encrucillada -tamén de balde, con reserva previa-. A través deste programa especial, todos os sábados pola mañá o público pode mergullarse dun xeito diferente na exposición, afondando nunha etapa histórica ou temática concreta da man de grandes expertos nesa materia.
O Gaiás abrirá proximamente as vindeiras quendas de reserva para participar nel, que nas súas dúas primeiras citas -guiadas polo comisario Manuel Gago e a historiadora Pilar Cagiao- esgotaron as súas prazas horas despois de terse anunciado.
A exposición, que reúne numerosas obras senlleiras sobre os mitos, a historia e a memoria da identidade galega ao longo do tempo e do mundo, está a ter unha grande aceptación entre a crítica e a prensa xeral e especializada, con cabeceiras internacionais do prestixio de The Guardian que se fixeron eco da mesma.
Pezas de todo o mundo. Galicia, un relato no mundo ofrece ao público galego a oportunidade única de ver reunidas en Santiago pezas de todo o mundo e cedidas por institucións do prestixio do Prado, o Trinity College de Dublín, a Universidade de Oxford ou o Museo Nacional de Arqueologia de Lisboa.
Trátase de obras mestras do patrimonio universal como o Códice Calixtino do Vaticano, o Libro das invasións, -onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán-, o Mapa de Sawley -considerado un dos primeiros mapa mundi enciclopédicos europeos, no que se representa a Catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa-,a Biblia Kennicott -manuscrito considerado unha xoia da iluminación medieval e a testemuña máis importante da presenza xudía en Galicia-, ou a icónica escultura Santa, de Francisco Asorey.
A exposición está organizada pola Consellería de Cultura e Turismo a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e conta coa colaboración do Consello da Cultura Galega, a Secretaría Xeral da Emigración e a Fundación HispanoJudía.
Está enmarcada na programación do Xacobeo 2021, que conta con Estrella Galicia e Gadisa como entidades patrocinadoras especiais. Poderase visitar a mostra de balde no Museo Centro Gaiás ata o próximo 12 de abril, en horario de 10.00 a 20.00 horas.
Na páxina web cidadedacultura.gal pode consultarse toda a información sobre a exposición, así como o programa de actividades que se desenvolverá ao redor da mesma ata o día do seu peche en abril.