En pleno decembro, cando as prazas e as igrexas se enchen de panxoliñas, Galicia exhibe unha rede coral que vai moito máis alá da estampa navideña. Segundo os datos da Federación Coral Galega, son xa 233 as agrupacións federadas na comunidade, que aglutinan a máis de 8.000 coralistas. Un mapa sonoro no que conviven formacións centenarias con iniciativas de recente creación que buscan captar ás novas xeracións.
Unha xeografía coral repartida polas catro provincias
A presenza coral non é homoxénea: Pontevedra, con 92 agrupacións federadas, encabeza a lista, co área metropolitana de Vigo como principal foco xunto a localidades como Vilagarcía. Segue A Coruña, con 84 corais, concentradas na capital, Santiago e Ferrol, e en localidades costeiras como Noia ou do interior como Melide. Na Galicia máis oriental, Lugo, con 31, e Ourense, con 26, manteñen a súa actividade sobre todo en núcleos urbanos e vilas con arraigo cultural: Monforte, Vilalba, Meira, A Mariña lucense, Ribadavia ou Verín aparecen desa cartografía.
Este reparto revela, ademais, a dimensión social da práctica coral en Galicia: non se trata só de agrupacións profesionais, senón de colectivos onde a maioría son persoas adultas que atopan no canto un espazo de socialización e de expresión artística. Moitas destas formacións actúan como verdadeiros dinamizadores culturais nos seus concellos, con concertos, encontros e actividades formativas ao longo do ano.
«A presenza de corais en practicamente todos os recunchos de Galicia é unha proba da vitalidade desta actividade cultural»,
así o resume Pablo Rico, presidente da Federación Coral Galega (FECOGA), entidade que coordina boa parte dese tecido coral. Para Rico, as agrupacións serven tamén para fomentar a identidade local e rexional, reforzando a participación comunitaria a través da música.
Entre as formacións históricas destaca a Polifónica de Pontevedra, a coral en activo máis veterana, que celebrará o seu centenario en 2025. A súa traxectoria, que chegou a contar coa dirección de personaxes ilustres como Castelao, é un fío condutor na historia cultural da provincia e un espello no que mirarse para grupos máis novos.
Novos coros e retos para o relevo xeracional
Se xunto á tradición existen corais con décadas de traxectoria, a escena coral galega tamén está incorporando sangue novo. Nos últimos meses FECOGA apoiou a creación de tres agrupacións recentes: o coro infantil e xuvenil EnHarmonía, en O Carballiño, que recibirá impulso económico da federación e participará na segunda edición do festival ‘Nadal Coral’; o Coro Xuvenil de Lugo, que debutou o 15 de decembro e agrupa voces de entre 20 e 27 anos; e o Coro Infantil San Roque A Paz, en Vigo, concibido co obxectivo explícito de garantir o relevo xeracional dunha tradición moi marcada pola participación adulta.
O tamaño medio dunha coral en Galicia oscila entre 20 e 30 compoñentes, aínda que existen excepcións. A San Roque de Vigo, por exemplo, reúne preto de 60 voces, e hai corais especializadas, como o Orfeón Xoán Montes de Lugo, centrado en voces graves e con máis de corenta anos de traxectoria. Predominan as voces agudas na maior parte das agrupacións, un reflexo da maior participación feminina neste ámbito.
O desafío é obvio: atraer e reter xoves nunha era de ofertas culturais múltiples. Aquí a federación ensaiou fórmulas modernas: presenza activa en redes sociais —Facebook, Instagram e TikTok— con reels que superan mil…