Durante cinco anos, o investigador lucense Hugo Bal García analizou ata 14.000 restos óseos atopados nos xacementos de Cova Eirós de Triacastela, Valdavara de Becerreá e A Valiña de Castroverde. A partir destes restos identificou polo menos 23 especies diferentes que formaban a fauna do Pleistoceno Superior, desde coellos e osos das cavernas ata cervos, rebecos, bisontes, leopardos ou hienas.
Os resultados forman parte da súa tese de doutoramento, que leva por título Estudo zooarqueolóxico da ocupación do noroeste da Península Ibérica durante o último período glacial, codirixida por Ramón Fábregas e Carlos Fernández. Defendeuna hai uns días obtendo a cualificación de cum laude.
Investigación en xacementos clave
Hugo Bal, graduado en Historia pola USC e máster en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade, participa desde o ano 2016 nas escavacións en Cova Eirós e desde 2023 nas de A Valiña.
Para a súa tese escolleu estas dúas covas xunto coa de Valdavara, por seren "as que teñen unha presenza de humanos máis clara" e co fin de ver como interactuaban coa fauna. Aínda que os pon en relación con outros xacementos de cara a unha reconstrución do conxunto das Serras Orientais.
Resultados e achados principais
Os restos analizados -que na súa maioría, preto de 8.000, corresponden a Cova Eirós- abarcan un período de entre 60.000 e 17.000 anos de antigüidade.
O "esgotador" traballo realizado permítelle "recalcar a importancia que teñen as Serras Orientais, non só para o estudo da fauna, senón para o Paleolítico en xeral, e poder ver que en realidade non é unha zona marxinal como se dicía sempre. Nós o que vemos é que si é un núcleo, porque temos unha ocupación case continua durante moito tempo e, o máis importante, temos unha comunidade biolóxica e humana que reflicte unha zona de tránsito", explica.
Tras apuntar que desde o val do Nalón, en Asturias, ata as Serras Orientais non hai ningún xacemento con fauna, indica que o principal resultado obtido "é que non é unha fauna completamente cantábrica como se ten entendido, senón que é un punto intermedio entre a fauna do norte da península Ibérica e a fauna do interior.
Temos cousas aquí que non é habitual atopar no Cantábrico como moitos coellos, especies alpinas como o rebezo ou a cabra e ata temos o porco espiño que no Cantábrico aínda non se coñece no Pleistoceno, e que é unha especie máis do Mediterráneo e da Meseta", exemplifica Bal.
Un mosaico de especies e reconstrución climática
Segundo destaca, os grandes protagonistas, por número de restos, son o coello e o oso das cavernas, cuxos ósos se contan por milleiros, pero en xeral "hai moita fauna".
Só considerando animais de máis de cinco quilos, identificou 23 especies. "Por exemplo temos cervo e moito rebezo, algo que chama a atención porque é un animal que sempre está presente nos xacementos do Pleistoceno do norte da Península, pero en pouca cantidade, e aquí é predominante en Valdavara I", comenta.
En todo ese "crisol de especies" aparecen tamén cabalos, bisontes, leopardos ou hienas, entre outros.
A investigación levada a cabo permitiulle tamén reconstruír o clima da época, que non distaba moito do actual. "En xeral seguía sendo unha Galicia moi chuviosa, que é o que máis nos chamou a atención, porque no Pleistoceno o normal é atopar desertos secos e aquí seguía chovendo", sinala Bal.
Patrimonio paleolítico galego
O lucense -quen continuará participando en prospeccións en Cova Eirós e A Valiña, entre outros xacementos- pode asegurar froito da súa experiencia profesional que Galicia conta cun "patrimonio paleolítico moi rico e moi diverso", pese ao cal "non está para nada na cultura popular".
Segundo di, a pretensión do estudo realizado non é unicamente presentar uns resultados senón tamén que estes "se integren nun discurso máis amplo", de xeito que "cando se fagan reconstrucións se conte sempre co que está a pasar aquí, no noroeste".