O BNG denuncia que o comisario europeo de Agricultura, Christophe Hansen, cancelou a reunión prevista en Bruxelas coa líder nacionalista, Ana Pontón, pola «presión do Partido Popular e do Goberno de Alfonso Rueda». «É un feito de extrema gravidade», trasladan.
Segundo explican, o encontro estaba pechado desde o pasado 13 de febreiro na sede da Comisión Europea para abordar o acordo con Mercosur. Porén, despois de que o pasado domingo o BNG fixese público nun comunicado esa reunión, na que tamén ía participar a eurodeputada nacionalista Ana Miranda, o gabinete de Hansen trasladou mediante un correo electrónico a cancelación da reunión alegando un «cambio inesperado» na axenda do titular de Agricultura.
«Ese cambio inesperado non é outra cousa que as presións do Partido Popular e da Xunta, o que demostra o talante antidemocrático do PP». Segundo o BNG, Rueda «non pode soportar» que se visualice que o Bloque fai «o que el non fai»: «defender o sector agrogandeiro galego, ameazado polo acordo da UE con Mercosur». Pontón explica que o xefe do Goberno galego quere evitar «o contraste» dun presidente «dicindo si bwana», mentres o Bloque defende os intereses dos gandeiros pedindo a retirada dese tratado «nefasto» para Galicia.
Rueda e Pontón coinciden hoxe en Bruxelas e os dous tiñan previstas reunións co comisario de Agricultura. O presidente da Xunta manterá un encontro con Hansen ás 16.00 horas.
Pontón sinala que a produción nos países de Mercosur se fai con estándares ambientais, sanitarios e de benestar animal menos estritos ca os que se aplican aos nosos produtos e iso supón vantaxes á hora de competir, porque teñen menos custos o que lles permite abaratar prezos. «E nunha Galicia na que predominan explotacións de tamaño medio, unha caída do prezo pode supoñer a diferenza entre viabilidade ou peche», advirte.
En todo caso, a líder do BNG seguirá coa súa axenda en Bruxelas «para defender os intereses dos galegos por moito que lle pese ao Partido Popular». «Non acalarán a nosa voz», avisa. Así, manterá encontros de traballo con eurodeputados dos grupos políticos de esquerdas como o Bloco de Esquerdas de Portugal, Sinn Fein ou ALE, comezando cunha reunión coa eurodeputada Saskia Bricmont do grupo dos Verdes, unha das poñentes máis destacadas á hora de promover a impugnación do tratado Mercosur ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea. A súa axenda continuará mañá con encontros relacionados coa financiación e os fondos de cohesión.