Na audiencia preliminar non houbo conformidade e o xuízo contra o condutor acusado celebrarase en setembro. / FDV
A audiencia preliminar celebrada este xoves saldouse sen un acordo de conformidade entre a Fiscalía, a acusación particular e a defensa, polo que o xuízo contra un condutor acusado dun delito de lesións por imprudencia grave celebrarase en setembro. A Fiscalía solicita que a vítima dun atropelo en agosto de 2023 en Verín, unha moza que daquela tiña 27 anos, sufriu feridas de consideración e padece secuelas, sexa indemnizada con case 102.000 euros. Na audiencia preliminar, a maxistrada da Praza 2 do Penal deu un prazo dun mes á acusación particular para que achegue un informe pericial no que se detallen os conceptos da petición de indemnización que propón.
O condutor, de 32 anos, carece de antecedentes penais. A Fiscalía solicita que sexa condenado a unha multa de 2.160 euros e á privación do dereito a conducir durante 2 anos e 2 meses, o que implicaría a retirada do carné.
O ministerio público atribúelle que, no momento dos feitos, circulaba «con absoluta falta de atención» cun turismo da súa propiedade pola Avenida de Laza de Verín, o 28 de agosto de 2023, ás 12 horas. «Debido á absoluta falta de coidado na condución e de respecto ás normas de seguridade» —reitera a Fiscalía no seu escrito—, non puido deter a tempo o vehículo cando a vítima estaba a cruzar correctamente por un paso de peóns que estaba debidamente sinalizado e indicado.
O ministerio público pide no seu escrito, de febreiro de 2025, que o acusado indemnice á prexudicada, conxunta e solidariamente coa compañía aseguradora, cun total de 101.829,37 euros, unha cifra coincidente coa que xa foi entregada a conta, precisa a fiscal.
Nesta contía, 29.431,12 euros serían polas lesións temporais sufridas; 54.493,84 euros polas secuelas; 1.904,41 euros polas intervencións cirúrxicas que precisou, máis 16.000 euros por un prexuízo moral, relacionado coa perda de calidade de vida a consecuencia das secuelas sufridas. O desglose dos distintos conceptos que fundamentan a solicitude da acusación particular concretarase no informe pericial pendente de incorporar á causa.
A Fiscalía cita o ditame forense sobre as lesións e secuelas da vítima. Sufriu no atropelo feridas graves polas que precisou «múltiples asistencias facultativas con necesidade de múltiples tratamentos médico-cirúrxicos». Entre os prexuízos, un problema de visión a consecuencia dunha contusión cerebral. As cicatrices das lesións son descritas polo forense como prexuízo estético de grao medio.
O Imelga catalogou como prexuízo moral leve a perda de calidade de vida polas secuelas, por unha limitación «importante» das actividades específicas do seu desenvolvemento persoal, e por «unha limitación parcial» para o exercicio da súa actividade profesional como deseñadora gráfica. Menciona a Fiscalía no seu escrito que «é posible que esta limitación parcial afecte en moito maior grao á súa actividade ocasional de modelo profesional».