O Parlamento de Galicia deu esta mañá o visto bo a unha reforma legal que establece novas medidas de prevención e protección para combater a violencia contra o persoal sanitario. A norma saíu adiante cos votos do PP e do PSdeG, mentres que o BNG absteveuse, advertindo que a resposta punitiva non aborda as causas estruturais do problema. A aprobación coincide coa crecente preocupación pola seguridade en servizos como Urxencias do CHUS, en Santiago, onde os traballadores veñen denunciando incidentes cada vez máis frecuentes.
Que recolle a reforma e como se aplicará
A lei amplía a protección a todo o sistema sanitario galego: inclúe o persoal da sanidade pública, traballadores de empresas privadas que prestan servizos ao sistema e profesionais que atenderon fóra do centro, xa sexa no desprazamento ao mesmo ou nos domicilios. Entre as medidas prácticas, a Consellería de Sanidade poderá cambiar de médico ou adscribir a outro centro de saúde, durante un prazo de ata cinco anos, a quen agredan a profesionais sanitarios.
Introdúcense ademais regras sobre as gravacións de vídeo e son: os pacientes deberán solicitar permiso para filmar ou gravar aos profesionais; se non o fan, a situación poderá considerarse como unha ruptura da confianza médico‑paciente e o facultativo terá a posibilidade de solicitar a derivación do usuario a outro profesional, deixando constancia na historia clínica. Aínda que as gravacións non conlevarán unha sanción económica específica, outras condutas sí recibirán castigo económico en tres categorías: leves, de 300 a 1.500 euros; graves, de 1.501 a 3.000 euros; e moi graves, entre 3.001 e 15.000 euros, nas que se inclúen as agresións físicas.
A reforma incorpora así mesmo o recoñecemento explícito da violencia telemática —insultos, ameazas ou ciberacoso dirixidos a profesionais— como conducta perseguible, e engade ao catálogo de deberes do usuario o respecto ao honor e prestixio profesional. Técnicos e médicos do servizo de emerxencias 061 quedarán tamén cubertos polo novo marco, algo que sindicatos e colectivos viñan reclamando desde hai tempo.
Críticas e debate político: protección sí, pero que máis?
O debate parlamentario non se limitou á dureza das sancións. A portavoz do BNG, Montse Prado, amosou o seu apoio á “tolerancia cero” contra as agresións, pero criticou que a lei atenda só a vertente punitiva sen abordar as causas que provocan a violencia.
«Os datos son incontestables, pero esta lei só mira unha parte do problema»,
engadiu Prado, que subliñou que o 51% das agresións prodúcese en atención primaria e que as solucións deberían pasar por dotar de recursos os centros e reducir as listas de agarda. Na mesma liña pronunciáronse sindicatos e representantes da profesión, que ven positivo o reforzo legal pero esixen un paquete de medidas que inclúa máis plantilla, formación en xestión de conflitos e protocolos operativos coordinados con seguridade.
A deputada do PSdeG, Elena Espinosa, defendeu a necesidade dunha protección sostida no tempo e achegou cifras que ilustran a gravidade do problema: en 2025 rexistráronse 945 agresións ao persoal do Sergas, das que 344 foron de carácter físico. «O colectivo que máis padece as agresións é a enfermería e o colectivo que máis padece a violencia física son os celadores», afirmou Espinosa, para quen a protección legal debe compaxinarse con políticas que alivien a sobrecarga asistencial.
«O colectivo que máis padece as agresións é a enfermería e o colectivo que máis padece a violencia física son os celadores»