No ecuador da campaña que iniciou polos barrios de Lugo para informar do plan de mobilidade que está pendente de aprobación definitiva, este venres o PP anunciou que ampliará os encontros coa cidadanía ante o descoñecemento e a preocupación que está a percibir respecto das medidas que o goberno está a deseñar para a cidade.
A voceira da oposición, Elena Candia, avanzou que haberá reunións cos profesionais dos servizos de emerxencias e de reparto de mercadorías e con colectivos de persoas con mobilidade reducida.
Debate sobre o alcance do plan de mobilidade
O responsable municipal de Mobilidade, Rubén Arroxo, insiste en que é só un documento estratéxico e que algunhas das medidas que recolle, como construír carrís bici en calzadas, non se van realizar mentres el estea á fronte desa área.
Pero o PP insiste en que é un documento que ten "forza normativa e transforma claramente a mobilidade da cidade", afirma Candia.
O PP está a explicar o plan á veciñanza tras unha análise exhaustiva realizada en gran parte polo concelleiro Ramón Cabarcos e o exedil de Urbanismo co PSOE Miguel Couto, que son quen, xunto con Candia, levan a voz nas reunións polos barrios.
Medidas propostas e críticas da oposición
O PP cre que é "un mal plan" porque abunda nas "medidas coercitivas" cara ao uso do coche que se veñen aplicando desde hai anos.
Propón peonalizacións completas ou parciais de rúas, "de forma inconexa", opina o PP, como Pousadela, Lamas de Prado, Montirón, Sanxillao e Ronda da Muralla; estreitamentos doutras (Armórica, Afonso X, Fonte dos Ranchos, Camiño Real, Conde, Montero Ríos…) e uns 30 quilómetros máis de rede ciclista, parte dela por calzadas.
A consecuencia é que se perden unhas 2.600 prazas de aparcamento, segundo a medición realizada polos populares, sen que se plantexen —recalcan— alternativas realistas, máis alá do novo estacionamento que se está a construír na estación intermodal.
O propio plan sinala o "déficit" de prazas que hai nalgunhas zonas da cidade e suxiren algunhas intervencións.
Porén, no programa de acción que se define para o período 2024-2029 e na correspondente memoria orzamentaria non se recolle ningunha das medidas que se propoñen no documento para aumentar a capacidade de aparcamento na cidade.
Alternativas de aparcamento e novas construcións
O plan propón establecer Ora na contorna do casco histórico, ampliar a rede de aparcadoiros disuasorios en superficie (proponse un na actual área de autocaravanas, ao carón do Pavillón Municipal) e facer outros en zonas como a Praza de Alacante e San Roque e baixo o parque do Sagrado Corazón, a pesar de que se está facendo ao lado o da intermodal.
Apúntanse, incluso, os aparcadoiros en altura, unha modalidade que o PP defende e o goberno rexeitou nalgunha ocasión.
Aínda que unha das medidas máis rechamantes que recolle o plan é que, nas novas construcións, se propón só unha praza de aparcamento por vivenda, e preferentemente, nun edificio distinto.
A filosofía é incentivar o uso do bus público e os itinerarios a pé.
Tramitación e debate político
"Canto máis penetramos no documento máis situacións vemos que hai que reverter", afirmou Candia, quen avanzou que o PP presentará alegacións no prazo estipulado.
Vé "vicios de procedemento" e o seu rexeitamento ao plan é case total. "Unha emenda á totalidade é case a deles, que o aproban e dixeron que non o ían facer", concluíu a líder da oposición.
O plan de mobilidade foi aprobado na xunta de goberno local, pero o PP sostén que debe ser debatido e votado no pleno municipal.
É unha das razóns polas que recorreu ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que pediu o expediente ao Concello. O plan expúxose ao público e ata o día 18 pódense presentar alegacións.
Segundo o PXOM de Lugo e segundo a Lei 9/2025 de Mobilidade Sostible, os plans de mobilidade teñen consideración de "instrumento de planificación" e carácter normativo, razón pola que, segundo o PP, debe ser ratificado polo pleno.
Se existise contradición entre o plan de mobilidade e o PXOM, prevalecería o primeiro e habería que modificar o segundo, recalcan os populares.
O goberno, en cambio, preséntao como unha folla de ruta. Xa na súa presentación, o responsable de Mobilidade advertiu que algunhas das medidas que recolle son de difícil execución, pero considerou interesante o documento para reflexionar sobre algunhas delas.
O executivo insiste en que o plan que está pendente de aprobación definitiva é só unha actualización do vixente, que foi aprobado en 2009 e renovado en 2014.
É unha "modificación puntual" para, basicamente, recoller o casco histórico como zona de baixas emisións, afirma Arroxo.
O PP nega a maior e apunta que o documento propón peonalizacións e itinerarios de carril bici que non figuraban no anterior plan.
A voceira do PP volveu dubidar de que todos os membros do goberno que aprobaron o plan de mobilidade o lesen.
"Estou segura de que algúns non o coñecen. Se fose así estou case segura de que non o aprobarían", afirmou Candia ao ser preguntada pola presenza de María Reigosa, concelleira do goberno, na reunión informativa que o PP fixo na Avenida da Coruña.
Tras matizar que Reigosa "practicamente xa saíu do goberno" —deixou o PSOE, non ten funcións e no pleno desmarcouse do resto do executivo en varias ocasións—, Candia opinou que máis membros do executivo deberían acudir a eses encontros.
"Oxalá viñeran máis membros do goberno para que visen o que opina a cidadanía do documento. Igual así sería máis doado que rectificasen", afirmou.
"A xente queda oxiplática, a sensación é de shock. Parécelle imposible que se perpetúe no erro", sinala Candia, en relación ao carril bici e a algunhas peonalizacións.