Tras un luns marcado por chuvias xeneralizadas e ventos moderados polo paso dunha fronte fría situada ao oeste de Portugal, Galicia experimentará este martes un respiro meteorolóxico. A comunidade converterase así nun oasis no medio da Península que quedará afectada polo avance da borrasca Regina, que deixará precipitacións abondosas e calima en zonas de Andalucía e o Levante.
Así, esta nova fronte de alto impacto pasará de longo na comunidade galega, que gozará de tempo anticiclónico ata o xoves, tal e como confirma Carlos Otero de Meteogalicia. "A borrasca que o luns deixou tempo inestable na comunidade moverase o martes cara ao sur e dará paso a un anticiclón en forma de cuña que traerá tempo seco a toda Galicia", precisa.
Este sistema anticiclónico "empuñará" a Regina cara a latitudes máis baixas, impedindo que as súas bandas de chuvia e ventos fortes afecten ao noroeste peninsular. Deste xeito, os galegos volverán deixar atrás os paraugas e pasarán ao tempo case primaveral o martes e o mércores, antes de que o inverno reclame o seu espazo este xoves. "Estes días quedaremos nunha situación intermedia entre unha borrasca situada no Golfo de Cádiz e o anticiclón dos Azores deixando un corredor de vento do nordés. O ceo estará parcialmente nubrado con máis nubes no terzo norte e con apertura de claros no sur", prognostica Otero.
Deste xeito, o anticiclón dos Azores provocará un cambio de tempo aínda que haberá un acusado contraste térmico entre o amencer e as horas centrais do día. Os días arrancarán fríos e xeados porque o ceo despexado favorecerá a perda de calor nocturna, o que provocará un descenso das mínimas. Así, agárdanse mañás moi frías, especialmente no interior, onde en zonas como Lugo cidade os mercurios descenderán ata os 3 graos, igual que en Ourense.
Non obstante, as tardes serán primaverais grazas ao sol de marzo que xa con certa forza elevará os termómetros por enriba dos 20 graos na cidade amurallada e chegarán a 23 na das Burgas. "Prevese unha alta amplitude térmica, con mínimas en descenso e temperaturas frías pola mañá, pero que superarán os 20 graos pola tarde en moitos puntos, incluída a provincia de Lugo", precisa Carlos Otero.
fronte atlántica. Esta xanela de bo tempo na comunidade manterase só ata o xoves, cando un novo sistema do Atlántico entrará polo noroeste. "Teremos días de inestabilidade atmosférica ocasionados por unha borrasca que se achegará polo Atlántico. Con esta situación, agárdanse intervalos nubrados con chuvascos que comezarán a entrar xa o xoves pola tarde e se estenderán durante a fin de semana", confirma o experto de Meteogalicia.