CONTIDO:
A Festa do Ourizo de San Cibrao, declarada de Interese Turístico de Galicia, xa ten data para este 2026. Será o próximo día 7 de marzo e están programadas diferentes actividades nas que o equinodermo será o eixo central, como homenaxe á tradición gastronómica local e á estreita relación da localidade co mar.
Programa de actividades e degustacións
O programa de actos previsto arrincará ás doce do mediodía cun showcooking que o público poderá seguir en directo e despois degustar as tapas elaboradas polos cociñeiros participantes.
Ademais a asociación Mistura ofrecerá desde o mediodía unha degustación de ourizo cociñado na carpa instalada na Praza dos Campos.
E os locais participantes —O Noso Lar, As Titas, Bodega de Ana, O Faro, El Puerto, A Penúltima, Maruxaina e Habana— ofrecerán diferentes variedades durante todo o día.
Música e ambiente festivo
A música ao mediodía correrá a cargo de Fol do Raxal e xa pola tarde haberá pasacalles coas charangas Fuego Street Band e Os Atrevidos.
Pola noite, a partir das once, haberá unha velada amenizada pola orquestra Cordosom na Praza dos Campos.
Declaracións e significado da festa
A alcaldesa cervense, Dolores García Caramés, estivo na presentación da cita cos edís Adrián Arias e Mali Méndez, ademais de representantes da hostalaría local e de Mistura, e destacou que esta festa «é moito máis ca un evento gastronómico, é unha celebración da nosa identidade, da nosa tradición mariñeira e do profundo vínculo que o municipio ten co mar».
«Esta cita permítenos compartir con veciños e visitantes a esencia do noso territorio nunha xornada pensada para desfrutar, convivir e saborear un dos grandes manxares do noso litoral», engadiu e puxo en valor o sector hostaleiro local, que converte o ourizo «en auténticas obras de arte culinario».
Concurso gastronómico
Este venres pola tarde celébrase o tradicional concurso gastronómico dedicado ao equinodermo na casa da cultura.
As propostas presentadas polos hostaleiros serán avaliadas por un xurado que terá en conta o sabor, a presentación e a creatividade para elixir ás gañadoras.
Algunhas destas tapas participantes poderán desfrutarse o día da celebración.