O ceo agasallou onte á noite un deses espectáculos que cativa a quen o contempla: a Lúa de Verme. Este plenilunio anuncia o próximo fin do inverno e a chegada da primavera. De feito, debe o seu nome ao espertar das larvas co cambio de estación.
Esta terceira lúa chea do ano, tras as do Lobo e a Neve, brillou nunha noite despexada que permitiu a súa observación a simple vista.
Como é habitual, o seu magnetismo trasládase ás mareas, que estes días se amosan máis intensas, acadando case os catro metros a preamar e apenas medio metro a baixamar.
O próximo plenilunio será o 2 de abril: a Lúa Rosa ou do ovo.
A nova estación dará comezo o 20 de marzo ás 15:46 horas. Durará aproximadamente 92 días e 18 horas, e rematará o 21 de xuño co inicio do verán.
Resulta curioso pero, segundo apunta o Instituto Xeográfico Nacional (IGN), a estación das flores non sempre comeza o mesmo día: pode facelo entre o 19 e o 21 de marzo. De feito, 2003 marcou o rexistro máis tardío neste século: fíxoo o 21 ás 2 da madrugada. «As variacións dun ano a outro débense ao xeito en que encaixa a secuencia de anos segundo o calendario (uns bisestos, outros non) coa duración de cada órbita da Terra arredor do Sol», explica o IGN.
A nova estación traerá máis horas de luz: «O Sol sae polas mañás máis dun minuto antes que o día anterior, e pola tarde póñase máis dun minuto despois. Como consecuencia, ao inicio da primavera, o tempo no que o Sol está por riba do horizonte aumenta case tres minutos cada día».
O cambio para o horario de verán producirase o domingo 29 de marzo. Esa madrugada os reloxos adiantaranse unha hora: as 2 pasarán a ser as 3.
Este manterase ata o domingo 25 de outubro.