lunes, 16 de marzo de 2026 | Galicia, España
ÚLTIMA HORA Cielos despejados y máximas de 16 °C en O Grove: previsión para el lunes 16 de marzo
Galego Castelán

A metáfora do amor

A metáfora do amor

Plateas e palcos do belísimo Teatro Municipal Sá de Miranda.

| FdV

Hoxe éme grato compartir as múltiples vivencias ocorridas no segundo concerto do alumnado avanzado do curso Percursos da linguagem Musical Europeia no Séc XX en Viana do Castelo.

Foi unha cita especial dentro do proxecto de Renovación Educativa da Unión Europea, e o escenario non puido ser mellor: o histórico Teatro Municipal Sá de Miranda.

A primeira parte foi unha auténtica experiencia multidisciplinar titulada Viagem a música: Espectáculo músico-teatral onde o alumnado se luciu como músicos e actores ao mesmo tempo.

O máis suxestivo foi a mensaxe do seu guión: «Como a música e a arte teñen o poder de transformarnos e enriquecernos como persoas».

Para que esta montaxe saíse adiante, contamos coa complicidade de grandes profesionais: Vania Barbosa e o talento da Academia de Música e Dança de Guimarães. O carisma do actor José Escaleira (Teatro do Noroeste e Instituto Politécnico de Viana do Castelo). E a mestría do pianista ruso Youri Popof.

Elaboramos un guión que plantexaba a seguinte historia: un mozo que, na procura dun sentido para a súa vida, atopa a música —simbolizada na frauta (o aire/o divino)— a través dunha moza que encarna «a musa do seu ideal e o amor». Na súa viaxe, o protagonista descobre a guitarra —a madeira/o terreal— e, mentres desentraña os seus segredos, mergúllase nas diversas facetas da arte e da súa realización persoal.

O concerto desenvolveuse tal e como estaba previsto no guión. Foi un gran éxito, pero cómpre destacar unha anécdota: entre os intérpretes participantes atopábase unha pianista con medo escénico, máis ben pánico, ―era incapaz de tocar diante do público e mesmo diante da súa profesora. Como guiño ao gran pianista Arturo Benedetti Michelangeli —quen, segundo se di, incluía pequenas imperfeccións nas súas gravacións para humanizalas—, decidimos que ela debía cometer erros deliberados e deterse, simulando un ensaio doméstico. O asombroso foi que, ao liberarse da presión, interpretou toda a peza dun tirón, e sen erros… quedamos coa boca aberta!

Sobre esta magnífica experiencia vénme á mente o meu mestre, quen, ante situacións semellantes, adoita transformar o ensino nun acto de respecto ao alumno: o seu principio básico non era a simple transmisión fría de coñecementos ou datos. El partía sempre da premisa de que o alumno é o protagonista da súa aprendizaxe e tiña a sabedoría de pedirnos só aquilo que podiamos dar, tendo en conta en cada caso as nosas propias capacidades e realidades, e non as súas, rompendo deste xeito co molde ríxido da educación vertical existente.

O punto álxido do recital foi a estrea da obra inédita A metáfora do amor do compositor cubano Leo Brouwer. Debo recoñecer a enorme complexidade que supuxo a montaxe desta peza de vangarda. Naquel momento, só dispoñía duns fotocopiados en moi mal estado, obtidos anos atrás nun curso co propio Brouwer en Castres (Francia). Os manuscritos, compostos de gráficos e anotacións ao pé de páxina, apenas lexibles, semellaban máis un xeroglífico ca unha partitura musical. Para descifrar aquel enigma, foi necesario establecer contacto telefónico, epistolar e finalmente presencial co mestre en Córdoba, onde residía como director da orquestra sinfónica. Grazas a este proceso, a obra cobrou vida no magnífico escenario do teatro Sá de Miranda. Nesta aventura resultou inestimable a colaboración do Laboratorio Electroacústico do Conservatorio de Viana do Castelo, que dirixía o profesor e compositor Virxilio Melo.

A dificultade da partitura radicaba non só na súa grafía, senón na súa natureza de obra aberta e ecléctica, o que esixía unha coidadosa selección entre as súas múltiples posibilidades interpretativas. De acordo co autor, e co fin de construír un relato coherente coa obra, e accesible para o público, decidimos empregar como leitmotiv o único fragmento escrito en notación tradicional para guitarra clásica: Jeux Interdits Xogos prohibidos. Unha obra que René Clement empregou como fondo musical do filme dese mesmo nome, interpretada maxistralmente por Narciso Yepes.

O resto de gráficos e ideas musicais empregámolos como soporte harmónico e formal que cohesionase a obra.

A posta en escena foi a seguinte: en directo guitarra clásica, eléctrica e piano. A base gravada en laboratorio compúñase de sintetizadores, guitarra eléctrica, piano normal e preparado, así como diversos efectos e ruídos. Este material gravado era para superpoñer ao directo en forma de bucles (loops). Todo isto foi realzado por un deseño de iluminación maxistral dos técnicos do teatro do Noroeste.

Unha vez descifrado o papiro, a sorpresa foi total. Os gráficos agochaban un gran segredo estético que cobrou vida dende os primeiros compases: a icónica melodía de Jeux Interdits envolta en densos racimos de notas (tone clusters) e as diversas texturas pregravadas, creou unha atmosfera de grande beleza e emoción. O público mergullouse nun torrente de sonoridades máxicas, luminosas e dunha solidez formal impecable. O resultado foi un gran espectáculo sonoro e visual á altura do xenio de leo Brower.

Esta estrea non tería sido posible sen o apoio de Carla Barbosa, directora da EPMVC, cuxa visión innovadora e xestión dos recursos técnicos e económicos foron fundamentais para levar este proxecto a bo porto.

O meu mestre, nunha das súas conversas co seu burriciño Parménides dicíalle: «Non cres que a música é a ciencia do universo?» Para el, era a alquimia exacta que funde a matemática coa fantasía e a maxia. E, neste rito, o intérprete é unha sorte de Ariadna moderna: o seu labor é tecer o son ata atopar a alma do público.

Compartir esta nova

C

Carmen Dorado

Periodista especializada en cultura y sociedad gallega. Colaboradora habitual en medios digitales del noroeste peninsular.