A alfombra vermella da 40ª edición dos premios Goya regresou este sábado a Barcelona cunha posta en escena marcada pola sobriedade e o predominio do branco, cunha notable presenza de deseñadores españois. A antesala da gala tamén reflectiu o seu ton reivindicativo, pois numerosos convidados luciron chapas coa mensaxe Palestina libre.
Entre os estilismos máis comentados destacou o da actriz Belén Rueda, que sorprendeu cun vestido branco inspirado no trencadís de Antoni Gaudí. O deseño, creado por Cristina Valenzuela, reinterpretaba a técnica do mosaico modernista con bordados artesanais en tons pedra, fume e champaña, elaborados a man durante unhas 160 horas.
Tamén a presentadora Silvia Abril optou por un traxe branco do deseñador Paco Benavente, mentres que a modelo Nieves Álvarez luciu un vestido asinado por Juana Martín. Na mesma liña, apostaron por esta cor a actriz Natalia Sánchez, cun deseño de De la Cierva e Nicolás, e Jedet, cun vestido de Joaquín Serra.
Outras convidadas optaron por romper esa paleta: Anna Castillo luciu un vestido azul noite de Redondo Brand, María Pedraza apostou por un traxe masculino de Mango, e Alba Flores vestiu Dominnico cunha amapola en homenaxe ao seu pai, Antonio Flores.
Entre os galegos destacou o lucense Luis Tosar, un dos presentadores da gala, cun esmóquin de Pedro del Hierro. Tamén Tamar Novas, con estilismo de MM6 Maison Margiela, calzado de Christian Louboutin e xoias de Cartier. Pola súa parte, o naviego Oliver Laxe optou pola sastraría de Mansolutely, desta volta cun traxe de veludo granate.