O Salón do Automóbil de Lugo volve reunir esta fin de semana a concesionarios e marcas nun contexto marcado pola cautela do comprador ante os eléctricos e a transformación do mercado cara a novas tecnoloxías.
Os profesionais do sector coinciden en que o público segue amosando interese, aínda que cun perfil de compra máis reflexivo e condicionado polo prezo.
O perfil do comprador e o auxe do eléctrico
Desde Martínez de Lugo explican que o comportamento do cliente cambiou respecto a anos anteriores.
"Neste momento os compradores fíxanse máis no prezo ca na estética. Non é como antes, que viñan directamente a por un turismo ou un SUV e o tiñan claro", sinalan.
No caso de Grupo Breogán Kia, o seu representante José Luis Herrero destaca que o balance está a ser positivo.
"Está indo ben e vendemos bastante eléctrico, porque manexamos autonomías de ata 700 quilómetros", afirma. Segundo explica, o incremento do prezo dos combustibles está a favorecer este tipo de motorización.
Modelos destacados e tendencias do mercado
Tamén o grupo Ditram percibe un ambiente de interese polo eléctrico entre os visitantes.
Un dos vendedores, Simón Lombardero, asegura que "está habendo movemento e bastante expectación co novo CLA eléctrico", modelo que foi elixido coche do ano en 2025.
Na súa opinión, o comportamento do mercado eléctrico depende en gran medida de cada fabricante.
"A autonomía que ofrece cada marca marca moito a decisión do cliente", explica. Entre os modelos que están a espertar maior interese atópanse os da firma MG.
"Están levando un bo ritmo de vendas; só pola mañá vendéronse tres ou catro coches", apunta Lombardero.
Presenza de figuras destacadas
O salón contou tamén este sábado coa presenza de Pablo Terroba, asesor técnico do equipo Red Bull e colaborador durante os últimos tres anos no equipo do campión do mundo Max Verstappen.
O enxeñeiro lembrou o esforzo necesario para chegar á Fórmula 1. "Cando se me abriu a porta, tireime de cabeza. Antes vivira en seis países e aprendera cinco idiomas", explicou.
O seu acceso ao equipo chegou tras un esixente proceso de selección e resultou elixido entre mil persoas.
Dentro do garaxe, o seu labor é fundamental para o rendemento do monoplaza do campión.
"Somos coma doutores, facéndolles análises de sangue constantes aos coches para asegurar que están traballando ao máximo rendemento”, relatou durante a súa charla.
A esixencia do campionato tamén marca o ritmo de traballo do equipo.
“Chegamos ao destino o luns e traballamos desde o martes ata o domingo unhas catorce horas ao día no garaxe”, explicou.
A súa estrea na competición non puido ser máis exitosa, con once carreiras e once vitorias.
A pesar da presión e da intensidade do campionato, Terroba recoñece que cada carreira segue sendo especial.
“En cada gran premio sinto bolboretas no estómago e unha adrenalina absoluta”, concluíu.
Horarios e próximas citas
O Salón do Automóbil seguirá aberto este domingo nun horario de 10.30 a 14.30 e de 16.00 a 20.00 horas.
Despois pechará as portas durante dous días ata a apertura do salón de vehículo de ocasión e Km0, que arrancará o mércores de 16.00 a 20.00 horas e continuará ata o domingo.