Un barco do Cantábrico cheo de xarda durante a campaña. / @EkoGarapena
A Comisión Europea condenou a finais do ano pasado nun duro comunicado institucional o acordo cuatripartito sobre as cotas de xarda acadado polo Reino Unido, Noruega, Islandia e as Illas Feroe.
Os catro países negociaron a porta pechada, entre eles, as súas propias posibilidades pesqueiras, asinando un pacto que nin sequera se consultou cos Vinte e sete.
«Plantexa graves riscos para a sustentabilidade», advertiu Bruxelas na nota remitida aos medios, incidindo ademais en que ese reparto socavaba «os intereses lexítimos da industria pesqueira da Unión Europea».
Advertencias científicas e sobrepesca
A británicos, noruegueses, islandeses e feroeses deulles absolutamente igual a alarmante advertencia dos científicos sobre o deterioro do estado do recurso, que levan anos sobreexplotando por riba do límite recomendado.
O Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES) aconsellou no seu último ditame un TAC de non máis de 174.357 toneladas para 2026, un 70% menos que en 2025.
En cambio, estes Estados ribeiráns acordaron adxudicarse 299.010 toneladas, un 72% máis.
Impacto na Unión Europea e Galicia
«Esta explotación excesiva agrava o problema», sinalou o Executivo comunitario ao respecto, pero sen impor ningún tipo de castigo comercial aos países non europeos incumpridores.
De que vale velar pola sustentabilidade se outros non o fan e aínda por riba se lles deixa introducir o seu produto no noso mercado?, pregúntase o sector cerqueiro galego.
Porque mentres Reino Unido, Noruega, Islandia e as Illas Feroe continúan depredando a xarda impunemente, ao seu antollo, a Unión Europea segue reducindo a súa cota dispoñible, en liña cos criterios científicos.
A falta de coñecer o impacto do recorte imposto para este ano (que España conseguiu aliviar do 70% ao 56% mediante intercambios con outros Estados membros), a pé de lonxa xa se nota en Galicia.
En 2025, exercicio no que a cota de xarda xa baixara aínda que menos ca este ano, só se comercializaron 3.466 toneladas da especie nas lonxas galegas, un 12,5% menos, por un valor de 7,7 millóns de euros.
Importacións e cifras históricas
Son cifras ridículas se se comparan coas 9.245 toneladas de xarda que entraron procedentes do estranxeiro, tanto de países pertencentes á Unión Europea como de fóra.
Un produto taxado en 28,3 millóns, case catro veces máis ca o galego e que chegou maioritariamente en formato conxelado (practicamente un terzo do valor) e en filetes preparados (os dous restantes).
Trátase do maior rexistro desde o inicio da serie histórica das estatísticas do Ministerio de Economía, Comercio e Empresa, que comezou no pasado 1995.
Principais provedores e demandas do sector
Aínda que a maior parte desta xarda é comprada á frota francesa (8,35 millóns) e portuguesa (8,29), suxeitas baixo o paraugas dos Vinte e sete aos mesmos recortes ca a española, o ano pasado irromperon con forza no top cinco de subministradores de xarda Reino Unido e Illas Feroe, en terceira e cuarta posición por diante de Irlanda (o quinto por valor con compras por 1,69 millóns).
Importouse xarda por 3,3 millóns de euros procedente de augas británicas (13 veces máis) e por 3,15 millóns das feroesas (fronte aos cero euros de 2024).
En total, preto de 1.566 toneladas, un 38,8% máis ca as 1.128 toneladas que se pescaron e venderon desde A Guarda ata a Costa da Morte, contemplando as zonas de Vigo, Pontevedra, Arousa, Muros e Fisterra.
«A Unión Europea debe aproveitar ao máximo a súa influencia como principal mercado para as exportacións de produtos do mar doutros Estados costeiros. Precísanse con urxencia medidas comerciais contra a sobrepesca continua e reiterada. As ameazas de acción xa non son suficientes», salientaron desde a patronal dos pescadores europeos, Europêche, nun comunicado recente.