O Celta de Vigo está a asinar unha prometedora tempada tanto en LaLiga como na Europa League. Pero o primeiro obxectivo da tempada chegou no ámbito extradeportivo.
E é que o club deu por fin co paradoiro da camiseta celeste que Madonna vestiu no seu mítico concerto no estadio de Balaídos o 29 de xullo de 1990.
A confirmación de Madonna
Precisamente Madonna foi quen confirmou que aquela icónica elástica do Celta se atopa nos "seus arquivos", segundo explicou nunha mensaxe en X que respondía a un chío do Celta no que se mencionaba á artista para preguntarlle se tiña a mítica peza na súa posesión, onde se adxuntaba un vídeo da actuación de Son de seu na que interpretou unha versión de Like a Prayer.
This shirt is hanging in my archives! I am wearing and representing your team in spirit!!♥️ https://t.co/JRwzDJQ9Ty
"Esta camiseta está nos meus arquivos! Seguireina poñendo e representando o espírito do voso equipo!", respondeu a Raíña do Pop.
A carta de Mouriño
Así mesmo, Mouriño publicara o mércores a misiva dirixida á Raíña do Pop co obxectivo de recuperar esta peza histórica e incorporala ao arquivo do club galego.
Carta aberta de @mmourino a @Madonna
⋄⋄⋄
Benquerida Madonna,
Escríboche esta carta porque precisamos da túa axuda.
O 29 de xullo de 1990 actuaches no estadio do Celta de Vigo, o club de fútbol do que son presidenta. Aquela noite vestiches a nosa camiseta celeste.
Esa… pic.twitter.com/8L1oU6IHWq
Un símbolo para o celtismo
A presidenta aseguraba que a imaxe de Madonna coa elástica celeste "comezou a brillar doutro xeito co paso dos anos" porque agora se entende mellor o que a cantante defendía daquela, o que para Mouriño consiste en "cuestionar o establecido e facer fronte a quen pretende dicirche o que podes ou non podes facer".
"No club que presido, recoñecémonos nesa maneira de estar no mundo", reflexionaba.
Ademais, nos intres previos ao encontro, os once xogadores do once inicial saltaron ao terreo de xogo con camisetas que levaban o dorsal 5, o mesmo número que vestiu a Raíña do Pop naquela ocasión tan especial para o celtismo, da que este verán se cumprirán 36 anos.
Ese dorsal era daquela de Espinosa, recentemente falecido. Na parte dianteira da camiseta podía lerse o lema da campaña "Madonna, témola ti?".
O peche dunha busca
Minutos despois da publicación da artista estadounidense, o Celta respondía. "Querémoste, Madonna. Grazas por responder e por manter viva unha parte da historia do Celta. Sempre Madonna. Sempre Celta".
Con esta mensaxe final semella que o club vigués, concluída a busca, desiste no seu anhelo de incorporar a emblemática camiseta aos seus arquivos e permitirá que a Raíña do Pop a siga poñendo.