Renfe rexistrou entre xaneiro de 2025 e xaneiro de 2026 un total de 8 partes de información de riscos de seguridade na liña Ourense-Santiago, segundo a resposta do Goberno a unha batería de preguntas plantexadas por senador@s do PP. A estatística volveu centrar o foco nun trazado que aínda arrastra a sombra do accidente do Alvia en 2013: a limitación temporal de velocidade que Adif impuxo en xaneiro —a 200 quilómetros por hora en 28 quilómetros antes da curva de A Grandeira— activou de novo as alarmas entre viaxeir@s e responsables políticos en Galicia.
Incidencias, medidas inmediatas e a resposta oficial
Os partes comunicados por maquinistas —segundo recolle a documentación en mans do Senado e fechada o 13 de marzo— refírense a incidencias relacionadas coa propia infraestrutura da liña. Tras os sinistros de Adamuz (Córdoba) e o incidente en Rodalies de Gelida (Barcelona), e ante avisos de vibracións no trazado, Adif optou por unha restrición temporal de velocidade que afecta aos trens antes da curva onde tivo lugar o grave accidente de 2013, que deixou 80 mortos e 143 feridos.
A limitación, que aínda segue vixente desde xaneiro, busca abordar riscos detectados polos maquinistas e previr situacións que poidan comprometer a estabilidade ou seguridade do material rodante nun treito concreto do corredor. Fontes próximas aos operarios consultadas por este xornal sinalan que os avisos viñan da percepción de vibracións e movementos anómalos, detalles que, aínda que non sempre derivan nunha avaría inmediata, obrigan á inspección e á adopción de medidas cautelares á espera dun diagnóstico técnico exhaustivo.
Na comunicación oficial, o Executivo aproveita para poñer sobre a mesa as reformas normativas en marcha: a implementación da Lei 9/2025, do 3 de decembro, de Mobilidade Sostible e a creación do Espazo de Datos Integrado de Mobilidade (EDIM). O Goberno describe o EDIM como unha estrutura para centralizar datos sobre oferta e demanda dos diferentes modos de transporte, así como información financeira e de investimentos en infraestruturas.
«No referente ao sector do transporte, e en particular ao ferrocarril, esta lei promove entre outros aspectos, a creación e regulación do Espazo de Datos Integrado de Mobilidade (EDIM)»,
Ademais, o Executivo enumera medidas complementarias: un plan de choque ferroviario, un plan de atención urxente a pasaxeiros en incidencias extraordinarias e un protocolo específico para a análise de incidentes que non sexan obxecto de investigación pola Autoridade Independente. «Estes plans serán obxecto de exposición e debate xunto con todos os grupos parlamentarios», engade a nota oficial, apuntando a unha aposta por máis coordinación e transparencia.
O peso da historia e as preguntas que persisten
Non é a primeira vez que a curva de A Grandeira e o treito Santiago-Ourense ocupan cabeceiras en Galicia. O recordo do sinistro do Alvia no barrio de Angrois segue moi presente na memoria colectiva: homenaxes, procesos xudiciais e debates sobre responsabilidades marcaron a última década. Á falta de confirmación oficial sobre a natureza exacta de cada un dos oito partes rexistrados, familiares das vítimas e asociacións de usuari@s observan con desconfianza calquera anomalía que afecte ese corredor.
A responsabilidade da infraestrutura corresponde a Adif, mentres que Renfe opera os servizos. Esa división de funcións, que en teoría permite unha supervisión especializada, tamén