Avenida Ernestina Otero de Redondela, que será transformada.
O Concello de Redondela proxecta a reforma integral da Avenida Ernestina Otero. As obras custarán 660.000 euros, que o goberno local prevé financiar cunha subvención da Deputación de Pontevedra, e terán un prazo de execución de cinco meses. O proxecto inclúe a renovación do pavimento, mellora da accesibilidade, novo mobiliario urbano, iluminación e zonas verdes en todo o seu percorrido, desde o Paseo da Portela ata O Salgueiral.
«Esta obra non é unha actuación illada, senón que forma parte da nosa folla de ruta para facer de Redondela unha vila máis amable e saudable. A nosa prioridade absoluta é o peón; queremos que as nosas veciñas e veciños poidan camiñar con seguridade por espazos públicos de calidade, sen as barreiras que impón o tráfico excesivo», explica a alcaldesa, Digna Rivas.
O proxecto céntrase no calmado do tráfico rodado para corrixir as velocidades excesivas detectadas na zona. Para iso, crearanse áreas de convivencia mediante plataforma única en puntos concretos, elevando a calzada ao nivel das beirarrúas e unificando o espazo con pedra natural. Ademais, os novos pasos de peóns estarán adaptados á normativa de accesibilidade e reforzaranse para mellorar a visibilidade e a seguridade.
A intervención tamén inclúe unha importante mellora na eficiencia enerxética coa substitución dos antigos puntos de luz por novas luminarias led, garantindo unha mellor iluminación e un menor consumo. En canto ao arborado, reformaranse os alcorques para protexer o pavimento das raíces e substituiranse os exemplares que se atopen en mal estado.
Aínda que se manterán as bandas de estacionamento e a circulación necesaria, o deseño final está pensado para que as persoas sexan as protagonistas do espazo público.