Sobre estas liñas Ana Núñez, Enrique Cabaleiro, Sonsoles Vicente e Paula Cabaleiro. Á dereita, Marilar Aleixandre pechará a programación. | // D.P. / XOSÉ CASTRO
O Concello de Tui conmemora este ano o Día Internacional da Muller baixo o lema «Dereitos, Xustiza e Acción, por e para todas», cunha programación ampla e diversa que busca promover a igualdade real entre mulleres e homes.
Tui conmemora o 8 de marzo reivindicando xustiza e igualdade
Compromiso institucional coa igualdade
A través da Concellería de Igualdade, o goberno tudense promove unha serie de actividades que poñen o foco na necesidade de converter os dereitos conquistados en xustiza efectiva e acción transformadora no día a día das mulleres.
A concelleira de Igualdade, Ana Núñez, subliña que «esta programación é unha mostra do compromiso firme deste goberno coa igualdade. O 8M é memoria, é reivindicación e tamén é acción política desde o local para transformar a sociedade».
Engade que o obxectivo non é só conmemorar a data, senón que «o programa sirva de instrumento de cambio real para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria en Tui».
Actividades e sensibilización
Durante todo o mes de marzo, o Concello de Tui propón un conxunto de actividades que procuran sensibilizar á cidadanía sobre as desigualdades aínda existentes, xerar espazos de reflexión e formación arredor da xustiza e as políticas de igualdade, e visibilizar o papel das mulleres en todos os ámbitos.
Ademais, o programa pon especial énfase en fomentar a participación comunitaria como ferramenta esencial de transformación social.
Outra das liñas centrais da programación é o apoio ao talento e ao emprendemento feminino, promovendo a autonomía das mulleres e a súa presenza activa no tecido económico e cultural local.
«A igualdade non é un obxectivo illado, senón un eixo transversal que debe impregnar todas as políticas municipais», destaca Núñez.
Cartel, actos centrais e recoñecementos
O cartel oficial do 8M deste ano leva a sinatura da recoñecida ilustradora galega Luz Beloso, un nome de referencia no panorama artístico contemporáneo.
A través da súa obra, Beloso quixo representar distintas xeracións de mulleres unidas por un fío que, formando unha balanza, as conecta. Con esta elección, o Concello quixo dar visibilidade ao talento feminino e recoñecer o papel das creadoras na construción do discurso cultural da igualdade.
O acto central da programación tivo lugar este venres no Teatro Municipal, e contou coa participación da maxistrada Paz Filgueira, encargada de dar lectura ao manifesto institucional do 8M.
A presentación correu a cargo da xestora cultural Paula Cabaleiro, e o evento abriuse coa acción escénica «4.0» da artista Sue Moreno.
O alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Tui ofreceu unha homenaxe ás compositoras con motivo da celebración, e fíxose un recoñecemento especial á Asociación de Amas de Casa de Tui, que celebra o seu 34 aniversario como entidade activa no tecido social e comunitario da cidade.
Cinema, exposicións e mercado feminino
O programa inclúe tamén accións culturais que convidan á reflexión a través do cinema. En colaboración co Cineclub Tui, proxectarase no Espazo Sociocultural, o xoves 12 Yo soy Nevenka, ás 19 horas.
A proxección pretende achegar ao público á loita das mulleres por acadar a igualdade e o respecto dos seus dereitos.
Hoxe ás 12.30 horas, inaugurarase na Oficina de Turismo a exposición «Pinceladas de Muller», organizada pola Asociación Tide Arte.
A mostra reúne obras que visibilizan a creación artística en feminino e estará aberta ao público ao longo de todo o mes.
A fin de semana do 15 e 16 de marzo, o Espazo Sociocultural acollerá o II Mercado Elas Facedoras, unha iniciativa que reúne artesás, creadoras e emprendedoras de diferentes disciplinas.
Este evento ofrecerá tamén actividades paralelas, como monólogos, mesas redondas e actuacións musicais, co obxectivo de fomentar a colaboración e dar visibilidade ás mulleres que desenvolven proxectos culturais e empresariais no ámbito local e comarcal.
O programa complétase co encontro «Conversa con Marilar Aleixandre», o luns 23 de marzo ás 19 horas, arredor do seu libro As bocas cosidas.
A escritora abordará temas como a memoria, a violencia simbólica e a voz das mulleres na literatura, nun diálogo aberto con todo o público asistente.