Ilustración de «Persépolis», da iraniana Marjane Satrapi / FDV
O tornado agocha no gas dos seus segredos o funcionamento implacable da vida e da morte.
É como o armario da avoa no que buscas ‘non sabes que’ para atopar preguntas sen resposta.
Se algún día chego a ter netas ou netos e a miña mente xa non está presente, que conclusións sacarán das miñas pistas?
As lembranzas de Persépolis
Cando os seus dedos se crucen coas páxinas de Persépolis, da iraniana Marjane Satrapi, ninguén lles explicará que –case 20 anos despois de velo no cinema e ler a banda deseñada– seguen visitándome viñetas del na cabeza.
Marjane adolescente, exiliada en Austria tras a Revolución Islámica para salvar o coiro, durmindo nun banco no inverno dous meses; Marjane á procura de comida entre o lixo en Viena; Marjane ante o espello horas antes de regresar a Teherán co pano xa na cabeza e a liberdade suada baixo el.
Mais sobre todo, o seu amigo Farzad convertido en sombra e caendo entre edificios ao fuxir dos Gardas da Revolución.
Unha vida entre guerras
A súa, como a de millóns de iranianos, é unha vida entre guerras herdada nos séculos: a invasión árabe e a mongol; o reparto do seu petróleo entre a URSS e Inglaterra; o imperialismo da man do sha e a revolta contra este polas súas masacres e as torturas.
A invasión que sufriron de Iraq e os oito anos bélicos.
Represión e inxustiza actual
Desde a revolución de 1979, os tulipáns (símbolo nacional) seguiron a tinguirse de vermello co sangue da ‘xustiza divina’, a mesma que segue a aplicar a Garda Revolucionaria hoxe.
O último informe de Amnistía Internacional, de 2024, sinala que abundan as condenas de flaxelación e mutilacións.
As nenas poden forzalas a casar con 13 anos; as mulleres que conducen perséguenas e poden confiscarlles o coche.
Na prisión de Evín, Narges Mohammadi (que vén de ser encarcerada) e as súas compañeiras sufriron e sofren torturas.
Un futuro incerto para Irán
Porén, a operación Furia Épica dos Estados Unidos e Israel contra Persia non é xustiza terrestre para a poboación iraniana, senón unha maldición máis contra este pobo.
O 21 de marzo, celebrará co comezo da primavera o novo ano persa, cos pétalos dos tulipáns rachados.
Como sinalaba o personaxe do pai de Satrapi en Persépolis: «Mentres haxa petróleo no Oriente Medio, non coñeceremos a paz».