Aspas controla o balón na área despois do seu remate ao pau. | MARTA G. BREA
Nese fino arame no que se deciden partidos e tempadas ninguén se move como o Real Madrid e hai poucos equipos máis desgrazaos ca o Celta, cuxo catálogo de infortunios sempre atopa novos episodios. Quen queira entendelo só ten que asomarse ao cruel desenlace do partido de onte no que os vigueses se despediron primeiro da vitoria nese remate ao pau de Iago Aspas no minuto 87 e pouco despois do punto que tiñan amarrado por culpa dun disparo de Valverde no 94 que se ía cara á bancada de animación e que Marcos desviou de forma involuntaria para acabar na portería dun Radu impoñente. Unha secuencia calamitosa que mantén ao Real Madrid na loita pola Liga e que corta a xeira dun Celta que cumpriu só a medias co seu plan defensivo, pero que foi incapaz de executar a súa idea de castigar co balón aos de Arbeloa. Faltoulle algo de descaro e finura coa pelota; e sobroulle distancia coa portería rival. As poucas veces que executou o seu plan –grazas sobre todo a Williot na primeira parte e a Iago Aspas nos últimos intres– fabricou oportunidades que acabaron no pau ou en parada milagrosa do inevitable Courtois. Pero foron accións con conta-gotas nun partido no que o Celta defendeu demasiado tempo moi preto de Radu e con boa parte dos seus futbolistas enemistados coa pelota, circunstancias que alimentaron a un Real Madrid que, malia chegar a Balaídos en precario, insistiu ata atopar o postreiro aceno do destino.
O Celta confundíuse. Na súa idea de ceder metros ao Real Madrid para que Vinicius non puidese correr –o sistema que lles funcionou a moitos rivais do equipo branco nas últimas semanas– acabaron convertidos en operarios da bancada de Gol. E diso aproveitouse o Real Madrid (que xa avisara nalgún disparo afastado), nun saque de esquina no que Tchouameni atopou o tempo e a distancia para recibir un pase cómodo de Güler e axustar o remate xunto ao pau dereito dun incrédulo Radu. Un gol impropio do fútbol profesional que converteu cada balón parado nunha lea de rúa. Pero o Celta, sempre innovador, púxolle unha alfombra ao Real Madrid para que se adiantase no marcador. Cando quixeron decatarse do que estaba a pasar, o balón xa estaba colocado no círculo central para reiniciar o xogo.
Pero o Celta tiña detectado onde estaba o principal burato do Real Madrid: ás costas de Trent. Zona de tránsito do daniño Williot, o «asasino con cara de neno» que dicían en Manchester de Solskjær. Mentres os defensas pensan en arroupalo ou darlle unha aperta con esa cara de desamparo, el acuchíllaos á menor oportunidade. Superado o minuto vinte, tras un tempo gris dos vigueses que non acababan de dar coa fórmula, Mingueza atopou cun marabilloso pase en longo ao sueco que volveu ser letal. Primeiro resistiu a embestida de Trent, logo sentouno cun recorte e por último entregou ao corazón da área para que Borja (que levaba unha primeira parte enemistado coa pelota aínda que probara a Courtois no comezo do partido) axustizase ao meta belga.
O empate non agochou a incomodidade do Celta, que seguía demasiado tempo rondando a Radu. A misión de tapar a Vinicius estaba cumprida (moi ben Carreira e Javi Rodríguez), pero ao equipo custáballe atopar solucións á presión do Real Madrid. Demasiada vulgaridade no manexo do balón, onde só Miguel Román e Mingueza por momentos eran quen de poñerlle algo de sentido ao xogo. Houbo ausencias clamorosas como a de Moriba, Jutglá ou Borja Iglesias… e iso fixo medrar a un Real Madrid que xeraba unha situación ficticia de perigo. Radu non interviña, pero tampouco era bo negocio ter ao Real Madrid rondando a súa área.
Aínda que o primeiro tempo rematou coa mellor xogada do Celta, que acabou nunha nova parada de Courtois a remate de Williot, o partido non mudou gran cousa tras o paso polo descanso. O Celta seguía poñendo máis énfase en protexerse ca en danar ao contrario. É certo que axustou mellor algunhas situacións e o Real Madrid, aínda que tiña o balón, xa non era quen nin de ameazar cos disparos afastados (o seu principal recurso). Por momentos semellaba que Claudio pretendía que Arbeloa se fose cocendo pouco a pouco e que a falta de recursos no banco (cheo de canteiráns), o cansazo e a necesidade de gañar acabasen por inclinar o partido cara ao seu lado. O porriñés, a vinte minutos para o final, deu un xiro ao seu frontal de ataque coa entrada de Jones, Hugo Álvarez e Fer López. Un curioso bandazo porque pasou de xogar con dous dianteiros centros a facelo sen ningún. Tampouco fluiu o Celta, que si se axustou algo máis coa aparición minutos despois de Aspas. Con Fer López no seu sitio e o moañés sacando de posición a todo o mundo, os vigueses atoparon por fin as transicións polas que levaban case unha hora suspirando. Unha cobertura de Mendy evitou que Jones se plantase diante de Courtois. Sucedeu xusto antes de que o partido entrase no seu momento decisivo. A tres minutos do final, Jones atopou a Iago Aspas na área, o moañés sentou a Asencio e o seu remate, de escola, estrelouse no pau esquerdo da portería dun Courtois superado por completo.
Foi o festivo preludio do desastre final. No último minuto do desconto saía Fer López en dirección aos bancos cando foi trabado de forma descarada por un rival. Díaz de Mera deixou continuar a acción e a partir de aí houbo un pouco de pasividade defensiva. Primeiro de Hugo Álvarez, logo de Vecino, que fixo un despexe lamentable nun balón cruzado… Valverde enganchou o disparo que se ía á bancada de Marcador, pero Marcos Alonso rozou o suficiente para que o balón, sempre caprichoso, marchase en dirección contraria á de Radu. Nese arame tremorento que define partidos, o Real Madrid e o Celta son o día e a noite.