O Goberno local de Ferrol deu un novo paso no proxecto Abrir Ferrol ao Mar. A Xunta de Goberno aprobou adjudicar as obras da fase 3A de Caranza á empresa Prace, Servicios y Obras SA por un importe total de 1.112.768,93 euros, cun prazo de execución de 13 meses.
Na mesma sesión tamén se aprobou adjudicar o servizo de coordinación integral e dirección de obra á empresa Proyfe SL por 32.428 euros, e o servizo de coordinación de seguridade e saúde a Ingeniería y Prevención de Riesgos SL por 6.776 euros.
A previsión municipal é que os primeiros traballos poidan comezar antes de finalizar o ano, dando inicio a unha actuación coa que o Concello de Ferrol pretende transformar o bordo litoral de Caranza, recuperar espazo público e mellorar a conexión entre o barrio, a cidade e o mar.
O alcalde, José Manuel Rey Varela, destacou que «hoxe damos un novo paso para facer realidade unha das grandes transformacións urbanas que Ferrol necesita e merece: Abrir a cidade ao Mar». O rexedor insistiu en que a través deste proxecto «devolvémoslle o protagonismo á cidadanía, gañamos novos espazos públicos de calidade e faremos que o mar estea cada vez máis integrado na vida da cidade».
Máis espazo público
O proxecto contempla unha reorganización integral do ámbito, mellorando a mobilidade peonil e ciclista, reforzando os accesos dende o tecido urbano e potenciando os espazos de estancia, lecer e convivencia. Reordénanse os percorridos existentes no bordo costeiro e condiciónanse os accesos transversais cara a Caranza e os equipamentos próximos. Neste tramo discorre o Camiño Inglés, que será rehabilitado para mellorar a súa accesibilidade e a súa integración paisaxística.
Entre o tramo do Camiño Inglés e a Avenida do Mar configurarase un gran espazo multifuncional destinado ao uso cidadán, con zonas de xogos infantís con pavimento continuo de caucho reciclado, áreas recreativas e deportivas, espazos de descanso, unha zona multiusos con función de miradoiro e auditorio ao aire libre, así como novos accesos lonxitudinais e transversais.
A intervención tamén procura mellorar a mobilidade e o aparcamento no barrio. Crearánse 74 novas prazas de aparcamento: 24 na rúa Fonte da Greza e 50 no contorno da rúa Telleiras coa rúa 5, das cales tres estarán reservadas para persoas con mobilidade reducida. Ademais, renovarase o aparcamento situado na parte traseira do auditorio Álvaro Lamas, que conta con 52 prazas, mellorando o pavimento, a sinalización e a ordenación do espazo.
As obras inscríbense no convenio de colaboración entre o Concello de Ferrol e a Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia, denominado Segunda fase de las actuaciones de fomento de la movilidad sostenible en la fachada marítima y portuaria de la ciudad de Ferrol. As actuacións están cofinanciadas nun 50% pola Axencia Galega de Infraestruturas.
Claves
- Adxudicataria das obras: Prace, Servicios y Obras SA, por 1.112.768,93 euros.
- Prazo de execución: 13 meses.
- Previsión municipal de inicio dos traballos: antes de finalizar o ano.
- 74 novas prazas de aparcamento, tres delas reservadas para persoas con mobilidade reducida.
- Cofinanciación: 50% pola Axencia Galega de Infraestruturas.
Fonte: Concello de Ferrol