Deva Bermejo bota o balón ante unha xogadora do Osés Construcción, onte no pavillón de Navia. | ALBA VILLAR
O Celta Femxa Zorka segue batendo récords e onte sumou a súa vixésima segunda vitoria consecutiva, iso si, con moito sufrimento. O Azulmarino, con todo, gañara o xoves con claridade na casa do terceiro, Unicaja (60-86). Era a mellor oportunidade para que as baleares fallasen. É case seguro que o Celta terá que xogarse o ascenso no play-off aínda que remate a tempada cunha soa derrota. Polo menos colleu máis marxe de cara á segunda posición.
Kelliher, do Celta Femxa Zorka, entra á canastra. | ALBA VILLAR
Non cabe dúbida de que os seis días de vacacións que van ter as xogadoras do Celta Femxa Zorka van vir moi ben. O equipo vigués leva moitos encontros nos que foi de menos a máis, tendo que remontar marcadores adversos. Todos eles remataron con vitorias, pero psicoloxicamente ese sobreesforzo comeza a pasar factura. Non hai un partido nin un rival sinxelo nesta competición.
Onte o partido volveu ter dúas partes moi diferentes. De saída, o Celta Femxa Zorka tivo moitos problemas coa súa zona, xa que as navarras arrincaron o encontro con dous triples consecutivos. O equipo reaccionou ben cun parcial de 11-0 e iso sen contar co xogo interior de Cabrera e Kelliher, ás que non chegaban balóns limpos.
O encontro parecía encamiñado, pero unha vez máis os desaxustes defensivos permitiron ás navarras colleitar seis puntos de vantaxe. Ademais, o Osés colocouuse en defensa en zona, que bloqueou o xogo ofensivo das célticas, que finalizaron o primeiro cuarto perdendo por seis puntos.
As cousas non comezaron demasiado ben no segundo cuarto, pois as navarras seguían instaladas nunha zona que lles estaba dando bos resultados. Conseguiron colleitar oito puntos de vantaxe, e aínda que Diana Cabrera comezaba a mostrarse baixo o aro, o Osés chegou aos once puntos de vantaxe a catro minutos do descanso.
Cristina Cantero reaccionou rápido solicitando un tempo morto e esta vez as súas xogadoras si que lle fixeron caso. Os balóns comezaron a chegar ás interiores. Alí o equipo vigués debía demostrar a súa superioridade. Foi unha das claves para que o Celta Femxa Zorka conseguise darlle a volta ao marcador. Un primeiro tempo que finalizou cunha acción de Kelliher baixo o aro, nun dous máis un.
No terceiro cuarto, o Celta Femxa Zorka deu un paso adiante en defensa. Presionaba máis e obrigaba ás navarras a lanzamentos exteriores, que lles saían. Pero o problema céltico estaba en ataque. Só funcionaba cando lle chegaban balóns a Kelliher e Cabrera, pero o resto perdíase. Se a iso lle sumamos que foron perdendo a concentración en defensa, Cantero tivo que solicitar un tempo morto a tres para o final do cuarto e dez puntos abaixo no marcador. O orgullo do equipo, e a presión dende a grada, fixeron que se chegase ao final do cuarto seis abaixo, 54-60.
A situación complicouse, aínda máis, nos dez minutos finais. As navarras seguían cun gran acerto nos lanzamentos de tres, nove ata ese momento, o que as levou a poñerse con doce puntos de vantaxe a seis minutos para o final do partido.
E cando as cousas estaban peor, apareceu a grada de Navia… e Deva Bermejo. Os afeccionados apretaron coma nunca, conscientes do delicado da situación. Deva fixo o seu: foi unha metralleta dende a liña de triples. Ao final, vitoria agónica en Navia, que mantén ao equipo na loita polo ascenso directo. Se non se consegue, non será polas célticas. Agora, toca descansar.
Únete a la conversación
Regístrate gratis con tu email para comentar en las noticias. Tu opinión importa.