Valderhaug nunha acción do partido entre o Frigoríficos do Morrazo e o Barcelona. / Santos Álvarez
O Frigoríficos do Morrazo regresará a un terreo coñecido, o das finais pola permanencia, no encontro que esta tarde (19.30 horas, polideportivo David Santamaría, co arbitraxe do navarro Bustamante López e do vasco Álvarez Mata) disputa fronte ao Sanicentro Guadalajara. O conxunto cangués, antepenúltimo clasificado con 11 puntos, buscará un triunfo liberador ante un rival que é colista con 10. O valor dos puntos, tendo en conta a tremenda igualdade na zona baixa da táboa, é dobre, e máis aínda se os cangueses son capaces de levantar a desvantaxe do duelo da primeira volta, no que caeron en O Gatañal por 29-34.
Quique Domínguez recuperará efectivos para este choque despois de ter reservado a algunhas das súas pezas no partido do pasado domingo ante o Fútbol Club Barcelona. Xogadores como Arnau Fernández, Manu Pérez ou Javi García volverán a dispoñer de minutos. No caso do pivote leonés suporá o seu segundo encontro nesta segunda volta despois de disputar o do Viveros Herol Nava. A súa capacidade ofensiva na liña dos seis metros debe ampliar o abano de posibilidades do ataque visitante.
A novidade na lista será a entrada de Martín Fuentes por Arón Díaz Ledo no que supón a oficialización da substitución entre ambos no extremo esquerdo. O carballés xa disputou minutos ante o Barça e estará á espera da súa oportunidade para ser o relevo de Arnau Fernández no caso de que sexa necesario.
Por do máis, o Cangas confía en ofrecer a súa mellor cara e competir tal e como o fixo en Huesca, na súa única vitoria da segunda volta ata o momento. Manter un nivel regular e evitar os apagóns de xogo serán fundamentais para impoñerse ante un conxunto alcarreño cuxo triunfo na primeira volta causou moito dano.
«A incorporación do brasileiro aportoulles moito, outros xogadores están moito máis acoplados. Creo que están xogando ben, como xa demostraron ante o Valladolid», advirte Quique Domínguez.
A igualdade definiu os últimos once enfrontamentos entre o Guadalajara e o Frigoríficos do Morrazo en terras alcarreñas. Non é mal sitio para xogar para os cangueses, que sumaron seis vitorias nestes precedentes, a última delas a pasada temporada cun contundente 31-37 nun encontro dominado practicamente de principio a fin polos de Nacho Moyano, que tiveron no retirado Rubén Río ao seu mellor home en ataque con 8/9 lanzamentos.
Antes, na campaña 22-23 a sorte sorriu aos locais cun 32-29, mentres que na campaña 20-21 foron os visitantes os gañadores (21-23). Os outros triunfos do Cangas no pavillón David Santamaría foron nas tempadas 18-19 (26-29), 17-18 (o máis contundente, 22-34), na 15-16 (26-29) e na 14-15 (23-28). As derrotas chegaron na 19-20 (29-22), 16-17 (29-28), 13-14 (29-25) e na 12-13 (35-25).
Únete a la conversación
Regístrate gratis con tu email para comentar en las noticias. Tu opinión importa.