O Concello de Ferrol conmemora un ano máis o Día Internacional da Muller Rural cunha homenaxe ás mulleres que, ao longo das xeracións, contribuíron ao desenvolvemento económico, social e cultural do concello. A celebración terá lugar este venres, 16 de outubro, ás 19.00 horas, no Teatro Jofre, e servirá para recoñecer o seu traballo e visibilizar as súas achegas.
A concelleira de Muller e Igualdade, Elvira Miramontes, adiantou que o acto comezará coa lectura da declaración institucional do Día Internacional da Muller Rural, que renderá tributo ás mulleres das parroquias de Valón, A Cabana, Covas, Viladóniga-Vilasánche, Esmelle, Mandiá, Serantes, Marmancón, Santa Icía de Trasancos, San Xurxo, Doniños e Brión, e doutros lugares do concello.
Segundo o texto municipal, trátase de mulleres que traballaron a terra e co gando, venderon os excedentes, lavaron, coseron, mariscaron, atenderon tendas e negocios, coidaron, ensinaron, emigraron, emprenderon e sostiveron as súas comunidades, a miúdo ausentes dos libros de Historia.
Presentación do libro ‘As do Molido’
Un dos momentos centrais será a presentación do libro ‘As do Molido. As angueiras invisibles das mulleres rurais de Ferrol’, encargado polo Concello á xornalista Marta Corral e editado polo propio Concello como parte da homenaxe. A obra afonda nas experiencias das mulleres rurais e contribúe a rescatar do esquecemento o seu traballo cotián, os seus esforzos e as súas vivencias.
Tras a presentación celebrarase un coloquio no que participarán o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e varias das mulleres protagonistas do vídeo vinculado á iniciativa. As mulleres que colaboraron na elaboración do libro recibirán unha litografía asinada e numerada pola pintora MariLuz Ruiz, vinculada a Covas.
A programación completarase coa actuación do grupo de cantareiras de Gradaílle, do Real Coro Toxos e Froles, e cunha peza de danza creada especialmente para esta conmemoración polo bailarín e coreógrafo Jesús Quiroga, de Mundo Danza.
Claves
- Data e hora: venres, 16 de outubro, ás 19.00 horas, no Teatro Jofre.
- Servizo gratuito de autobús con saída ás 18.00 horas dende o local da asociación veciñal de Covas.
- Paradas nos locais das asociacións veciñais de Papoi, Viladóniga, Serantes e A Cabana.
- Regreso previsto para as 20.30 horas.
- Reserva de praza do autobús no teléfono 604 066 864.
- As entradas para asistir á homenaxe poderán retirarse na taquilla do Teatro Jofre.
Fonte: Concello de Ferrol