O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, desprazouse esta mañá a Mondoñedo xunto a unha representación da corporación municipal co gallo do acto de irmandamento que se celebra entre a vila lucense e a cidade ferrolá, coincidindo en data co día grande de As San Lucas.
O alcalde trasladou o agradecemento da cidade de Ferrol a Mondoñedo pola celebración deste acto e o mantemento dos lazos de irmandamento que unen a ambos os concellos, unhas festas de As San Lucas —declaradas de Interese Turístico de Galicia— que, segundo Rey Varela, son «unha manifestación viva da identidade deste territorio lucense».
A oficialidade deste irmandamento cumpre 21 anos. Durante máis de duas décadas, ambas as cidades do norte de Galicia estableceron numerosos vínculos culturais, en particular a través da Diocese de Mondoñedo-Ferrol.
«Hoxe renovamos a vontade compartida de colaborar e manter as relacións entre os nosos pobos. Dous concellos coa súa personalidade propia, con historia profunda e cun patrimonio extraordinario», recordou Rey Varela durante a súa intervención, na que subliñou que ambos os concellos comparten a visión de progreso e futuro.
O alcalde ferrolán fixo fincapé na necesidade de que exista un transporte fluído de viaxeiros entre ambas as cidades e na importancia do mantemento desta relación institucional. «Nun tempo no que as administracións deben afrontar retos complexos, a colaboración entre municipios é máis necesaria que nunca», apuntou Rey Varela, antes de concluír a súa intervención agradecendo a Mondoñedo a súa acollida un ano máis.
Fonte: Concello de Ferrol