Reyco Burela FSF volveu caer na súa cancha, no pavillón de Vista Alegre, por 0-3 ante o Ourense Ontime, e cada vez está máis lonxe da salvación.
Aguantou o conxunto de Belén Feal a primeira parte, pero na segunda as visitantes atoparon o gol e o partido decantouse a favor das ourensás, a pesar doutra gran actuación de Ana Eliza.
Dominio visitante na primeira parte
A primeira parte, agás a primeira xogada, onde Lara tivo unha boa ocasión para as locais, foi de dominio e control do Ourense Ontime.
O conxunto visitante tivo máis dunha ducia de ocasións, pero unhas veces Ana Eliza, excelente no seu traballo, e outras os paus, aos que foron dúas veces, evitaron os goles do Ourense Ontime.
Oportunidades e control do xogo
Marta, a exburelista Judith, Raquelilla e Anita foron algunhas das xogadoras que buscaron o gol, mentres que o Burela FSF apenas pasaba de medio campo.
Resolución na segunda parte
Na segunda parte abriu o marcador Melli tras un gran pase de Marta, e a partir de entón o Reyco Burela FSF apostou pola porteira xogadora.
Non lle deu rendemento, xa que apenas tivo dous disparos, de Silvia Rubal e Cris Blanco, mentres que Raquelilla aumentou diferenzas cun bo dereitazo, e Judith puxo o definitivo 0-3 cun cruzado dende os nove metros axustado ao pau da portería de Ana Eliza.