O FSF Castro Cando caeu ante o Melilla por 1-0 nun encontro no que, aínda que o resultado era previsible, o Castro mereceu máis. As de Julio Delgado completaron unha segunda parte na que estiveron preto de igualar o choque, pero o solitario tanto de Emily Marcondes foi suficiente para que os tres puntos quedasen no pavillón Javier Imbroda.
O FSF Castro tivo que aguantar ante o mellor equipo da competición, xa que o Melilla puxo toda a carne no asador desde o principio. Amandinha e Emily Marcondes comezaron a dominar a pista co seu xogo ofensivo, polo que ás de Julio Delgado non lles quedou outra que encomendarse ao traballo defensivo.
Ben é certo que o conxunto chairego logrou ter dúas oportunidades moi claras nos últimos dez minutos da primeira parte. Natalinha gozou dun man a man no minuto 12 que non tivo éxito e Luisa Mayara tivo un disparo no 16 que se foi lixeiramente desviado.
No acoso e derrubo constante do Melilla, a máis clara chegaría no último minuto do primeiro tempo. Ana Luiza estivo preto de bater a Caridad cun potente disparo que bateu na cruceta. O guión cumpríase á perfección, pero o peche permanecía na portería do Castro cando chegou o descanso.
No arranque da segunda parte, Ana Luiza atopou a Emily Marcondes, que logrou romper o candado do Castro e abrir o marcador. Todo podía supoñer que o Melilla iría a polo segundo, pero foi o Castro o que colleu o control do encontro.
As ocasións sucedéronse no seguinte tramo. Antía Pérez topouse con María Arcas no minuto 27, mentres que Luana e María Clara atemorizaron con bos disparos a falta de dez minutos que se foron lixeiramente desviados.
O empeño non cesaba e, a falta de cinco minutos, tanto Jenni Santos como Antía Pérez mandaron os seus disparos altos. A tendencia marcaba que o conxunto chairego merecía levar algo da visita máis dura da tempada.
Julio Delgado apostou con todo polo encontro, empregando a porteira-xogadora para ir a polo empate. A superioridade deu oportunidades cun bo disparo de Natalinha que estivo moi preto de bater a María Arcos. Pero a máis clara foi a dous minutos do final. Unha xogada moi ben xerada por parte do Castro rematou nun centro ao que non chegou Patri Ortega para empatar. Aínda que a derrota podía ser lóxica, polo xeito de ser foi inxusta.