CONTIDO:
É unha actriz polifacética, onde se sinte como peixe na auga?
Improvisando, cun espectáculo como o deste venres en Celeiro.
O espectáculo ‘ImproConas’
Como é ‘ImproConas’?
‘ImproConas’ é un espectáculo de improvisación teatral orientado ás mulleres, no tocante a profesións, situacións… Todos os xogos van enfocados a contar historias de mulleres en diferentes épocas e ámbitos, coa participación do público que decide moitas cousas; a partir do que nos din improvisamos as escenas.
Por que o nome ‘ImproConas’?
Agora hai máis compañías. Quixemos facer un grupo só de mulleres e darlle un nome potente, pareceunos unha boa idea ese. Nun sitio pedíronnos se podíamos cambiar o nome, dixemos que non.
A esencia non se cambia. Se alguén non quere escoitar a palabra conas, que non nos chame.
Improvisación e comedia
A improvisación xorde ou hai preparación previa?
É improvisado, pero si hai entreno detrás, os xogos entrénanse unha vez á semana para estar activas e frescas.
Improvisando pode haber erros.
Non hai erros, é diversión. Neste rollo se cometes un erro é divertido.
En clave comedia o público empatiza co erro, gústalle ver á improvisadora en problemas.
Prefire o drama ou a comedia?
A min moitos compañeiros e profesores dinme que son boa no drama. Se podo escoller fago comedia, pero se me chaman para facer drama tamén o fago, pero prefiro facer rir que chorar.
Xa hai abonda tristura na vida…
Iso di miña nai. Gústalle moito ir ao teatro e decide ver obras cómicas, porque ela di que xa hai moitas penurias na vida, que é máis sanador rir, e eu penso igual.
Referentes e humor galego
Ten algún actor ou actriz que sexa o seu preferido?
Teño tantos actores e actrices preferidas, pero desde que era unha nena gústame Julia Roberts, paréceme unha actriz moi natural, sobre todo nos seus comezos.
E en canto a humoristas?
A galega Lucía Veiga, é unha crack, moi espontánea, fai improvisación, ten unha ‘vis cómica’ que me gusta moito, ademais é unha boa compañeira.
Ter referentes galegos tamén é unha cousa boa. E espero algún día ser o referente dalgunha chavala.
Din que en Galicia hai un sentido do humor distinto, que pensa?
Si, a retranca galega existe en nós, é unha cousa innata, é algo que nos fai únicos.
Creo que está empezando a cambiar un pouco o humor. Penso que a veces o humor galego da TVG é un pouco rancio, ridiculiza un pouco o galego. Moitos estamos intentando desligarnos diso.
Paréceme que hai que cambiar un pouco a perspectiva, sendo galego igual pero non ridiculizando.
Inspiración, dificultades e público
En que se inspira?
En situacións cotiás, na vida mesma, sobre todo na loita que temos moitos actores para seguir adiante e contar historias.
Somos moitos e traballan poucos, a nivel audiovisual sempre están os mesmos. A veces é agotador ter que loitar tanto.
Que facemos? Nós autoproducimos, facemos creación propia, porque está difícil.
Superar as dificultades enriquece a longo prazo.
Hai 15 anos, queixábame, e hoxe valoro todo o esforzo que fixemos ao longo do tempo.
Na miña compañía todas as obras son escritas e dirixidas por nós, iso cúrtete.
É fácil conectar co público?
Depende, polo xeral teño a sorte de que sempre conecto, pero tenme pasado nalgúns sitios que a praza está difícil de torear.
Enfocan os espectáculos ao público?
Si, pero este é un espectáculo moi gamberro, pero funciona moi ben. Hai sitios onde digo que non é para este tipo de público e adaptámonos.
Se vemos que o público é gamberro ou máis coitadiño, fluimos sobre a marcha. Se hai nenos cortas ou fas cousas máis de tapadillo.
Vocación e lingua
Cando se decata de que quería actuar diante do público?
Cando era unha nena, con 5 ou 6 anos. Estiven en teatro no cole, no instituto, na escola municipal de Cangas do Morrazo, e logo xa me anotei á Escola Superior de Arte Dramático de Galicia (ESADG), que non estaba moi decidida, pero miña nai dixo; ‘Vai’ e aí fun.
Animárona?
Si, os meus pais sempre, os meus amigos apoiáronme.
Actúan sempre en galego?
Non, depende, mesturamos bastante, tamén en Galicia. Intentamos facelo sempre en galego, facemos unha mescolanza.