É unha actriz polifacética, onde se sinte como peixe na auga?
Improvisando, cun espectáculo como o deste venres en Celeiro.
O espectáculo ‘ImproConas’
Como é ‘ImproConas’?
‘ImproConas’ é un espectáculo de improvisación teatral orientado ás mulleres, en canto a profesións, situacións… Todos os xogos van enfocados a contar historias de mulleres en diferentes épocas e ámbitos, coa participación do público que decide moitas cousas; a partir do que nos din improvisamos as escenas.
Por que o nome ‘ImproConas’?
Agora hai máis compañías. Quixemos facer un grupo só de mulleres e darlle un nome potente, pareceunos que era unha boa idea. Nunha ocasión pedíronnos se podiamos cambiar o nome; dixemos que non.
A esencia non se cambia. Se alguén non quere escoitar a palabra conas, que non nos chame.
Improvisación e comedia
A improvisación xorde ou hai preparación previa?
É improvisado, pero si hai adestramento detrás; os xogos adéstranse unha vez á semana para estar activas e frescas.
Improvisando pode haber erros.
Non hai erros, é diversión. Neste xénero, se cometes un erro, é divertido.
En clave de comedia o público empatiza co erro, gústalle ver á improvisadora en problemas.
Prefire o drama ou a comedia?
A min, moitos compañeiros e profesores dinme que son boa no drama. Se podo escoller fago comedia, pero se me chaman para facer drama tamén o fago; prefiro facer rir que facer chorar.
Xa hai abonda tristura na vida…
Iso díxome miña nai. Gústalle moito ir ao teatro e decide ver obras cómicas, porque ela di que xa hai moitas penurias na vida, que é máis sanador rir, e eu penso igual.
Referentes e humor galego
Ten algún actor ou actriz que sexa o seu preferido?
Teño tantos actores e actrices preferidos, pero desde que era nena gústame Julia Roberts; paréceme unha actriz moi natural, sobre todo nos seus comezos.
E en canto a humoristas?
A galega Lucía Veiga, é unha crack, moi espontánea; fai improvisación, ten unha ‘vis cómica’ que me gusta moito, ademais é unha boa compañeira.
Ter referentes galegos tamén é unha cousa boa. E espero algún día ser o referente dalgunha chavala.
Din que en Galicia hai un sentido do humor distinto, que pensa?
Si, a retranca galega existe en nós, é algo innato, é algo que nos fai únicos.
Creo que está empezando a cambiar un pouco o humor. Penso que ás veces o humor galego da TVG é un pouco rancio, ridiculiza algo o galego. Moitos estamos intentando desligarnos diso.
Paréceme que hai que mudar un pouco a perspectiva: ser galego igual pero sen ridiculizar.
Inspiración, dificultades e público
En que se inspira?
En situacións cotiás, na vida mesma, sobre todo na loita que temos moitos actores para seguir adiante e contar historias.
Somos moitos e traballan poucos; a nivel audiovisual sempre están os mesmos. Ás veces é esgotador ter que loitar tanto.
Que facemos? Nós autoproducimosnos, facemos creación propia, porque está difícil.
Superar as dificultades enriquece a longo prazo.
Hai 15 anos queixábame, e hoxe valoro todo o esforzo que fixemos ao longo do tempo.
Na miña compañía todas as obras son escritas e dirixidas por nós; iso fórxate.
É fácil conectar co público?
Depende; polo xeral teño a sorte de que sempre conecto, pero pasoume nalgúns sitios que a praza está difícil de torear.
Enfocan os espectáculos ao público?
Si. É un espectáculo moi gamberro e funciona moi ben. Hai sitios onde digo que non é para ese tipo de público e adaptámonos.
Se vemos que o público é gamberro ou máis conservador, fluímos sobre a marcha. Se hai nenos, córtase ou fanse cousas máis de tapadillo.
Únete a la conversación
Regístrate gratis con tu email para comentar en las noticias. Tu opinión importa.