Anxo Vidal autopublicou o seu primeiro libro hai apenas uns meses e este luns sacará a segunda parte, A voz que non deron calado. Onde comeza a orixe. Con só 14 anos, Anxo Vidal, As Pontes, ten claro que seguirá escribindo.
O argumento da segunda parte
Na primeira parte falaba do regreso ás Pontes do seu protagonista e afondaba en temas como o acoso escolar ou a homofobia.
De que vai esta? É a segunda parte e segue narrando a vida de Álex, o protagonista, que descobre que a súa familia tiña unha casa en Abadín e a súa parella, Adrián, decide quedar alí. É a súa vida de volta á normalidade sen perder nunca os valores. Despois do éxtase vén a calma.
Inspiración e escenarios
Cambia de escenario á comarca da Terra Chá. É terreo coñecido?
Si, meu pai é de alí, de Pedralba, dun lugar que se chama Os Carballás, e vou todos os fins de semana. A liberdade de estar alí é o que máis me gusta.
Recepción e expectativas
O libro poderase mercar en Amazon a partir do luns. Que tal funcionou o primeiro?
Bastante ben, de vendas pasouse dos 200 e hai xente que me di que xa está esperando pola segunda parte. A ver se gusta.
A primeira publicouna por sorpresa. Ninguén do seu círculo máis próximo sabía que escribía. Sente máis presión agora ou menos?
Non é o mesmo impacto pero hai máis presión, é máis difícil escribir este segundo libro ca o primeiro porque xa hai algunhas expectativas.
Presentacións e futuro da saga
O primeiro presentouno na biblioteca municipal. Ten data para presentar este?
De momento aínda non, xa me puxen en contacto coa biblioteca e imaxino que pronto haberá algunha.
Haberá terceira parte ou a historia remata aquí? E se a hai, xa comezou a traballar nela?
De momento non comecei a escribir, pero si que vai haber terceira parte, seguro. Será xa a última para relatar os últimos días, case seguro en Abadín.