O goberno local de Burela segue implantando, pouco a pouco, o seu modelo de mobilidade no casco urbano que vai transformando non só a forma de moverse senón tamén a imaxe que ofrece a localidade. É un modelo con zonas diferenciadas con cores para os vehículos que inclúe espazos propios para residentes, zonas azuis con tempo limitado e outras de carga e descarga, así como os coñecidos como 'Bica e arrinca' para paradas curtas en puntos concretos e os aparcadoiros 'leira park'.
"Confío plenamente no novo modelo de mobilidade que se está poñendo en marcha na localidade", recoñece a alcaldesa, Carmela López, que avanza que seguirán creando aparcadoiros disuasorios "para ordenar mellor o tráfico e facer unha Burela máis cómoda e dinámica".
Nos últimos días estanse pintando e sinalizando as seis novas zonas azuis das que disporá o casco urbano tras a primeira que se habilitou na Avenida Arcadio Pardiñas. "As zonas azuis gratuítas de Arcadio Pardiñas están demostrando que funcionan: facilitan a rotación, permiten baixar, mercar e marchar, e están a dinamizar o comercio", explicou López, "precisamente por iso, comerciantes doutras zonas trasladáronnos a conveniencia de estender este modelo".
E así estanse habilitando dúas na Rúa Rosalía de Castro, unha fronte á Casa do Mar, onde tamén hai un 'Bica e arrinca', e outra nas inmediacións do cruce con Eijo Garay; outra na Rúa Pardo Bazán, nas inmediacións de Curros Enríquez; outra enfronte da Praza do Concello e dúas máis en Arcadio Pardiñas, unha na zona de O Campón e outra nas inmediacións da estación.
Estas zonas azuis son gratuítas e están activas de luns a sábado de nove da mañá a oito da tarde. O resto do tempo, incluídos domingos e festivos, son aparcadoiros normais. O tempo máximo de estancia é de 60 minutos e non se pode aparcar de novo nun espazo en dúas horas.
Na mesma liña de mellorar a mobilidade, neste caso peonil, e a accesibilidade enmárcase a reforma das beirarrúas en Arcadio Pardiñas entre a Rúa das Flores e Celso Emilio Ferreiro.
As actuacións previstas pasan por intervir nos cinco pasos de peóns mediante a ampliación das denominadas 'orellas' para priorizar o tránsito peonil e dar seguridade aos cruzamentos. Colocarase pavimento podotáctil e adaptaranse pendentes e accesos para eliminar barreiras arquitectónicas. Así mesmo, cambiarase o pavimento por un con plaquetas de formigón similares ás empregadas noutras intervencións recentes co obxectivo de acadar unha imaxe máis uniforme das rúas.
O proxecto, que se executará por fases, tamén contempla a creación de seis zonas de estancia dotadas de mobiliario urbano e pavimentadas con granito "para favorecer a permanencia e o uso social do espazo público", e actuarase nas árbores. Sobre esta intervención, a alcaldesa sinalou que "pretende cambiar a forma de vivir a rúa, apostando por un espazo máis accesible e pensado para as persoas".






