O interior do edificio provisional da praza de abastos na Alameda, á espera da reforma. / Iñaki Osorio
Os comerciantes da Praza de Abastos número 1 de Ourense afirmaron sentirse «estupefactos» e experimentar «desconcerte» ante as novas sobre a elaboración dun proxecto de traslado de maneira subsidiaria por parte do Concello.
Os asociados afirman que o proxecto de reforma e traslado que están a levar a cabo está en fases de remate, e que por iso non entenden as declaracións de Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, no último pleno celebrado este venres.
Debate no pleno municipal
Foi na quenda de rogos e preguntas cando o voceiro do BNG, Luis Seara, preguntou pola retirada dun acordo sobre a revogación do desaloxo dos praceiros da orde do día da Xunta de Goberno Local, ao que Jácome respondeu que «un xurídico advertiunos de que non lle parecía boa idea».
Ese punto ía da man dunha proposta para executar subsidiariamente a elaboración do proxecto de reforma da praza, sobre o que o alcalde quixo estenderse alegando unha suposta inactividade dos comerciantes.
«Xa que vostedes non fan o proxecto, subsidiariamente vaio facer o concello, e ademais vai proceder a executar a obra. Logo miraremos quen a vai pagar», afirmou o rexedor.
Ao día seguinte, o alcalde explicou nas súas redes sociais que este proxecto paralelo custaría arredor de 800.000 euros. Ademais, asegurou que se a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense (que expresaron dúas semanas atrás a súa «man tendida» ao Concello para cofinanciar xunto cos praceiros a súa recuperación) non pagasen esta reforma a cargo do municipal, denunciarían o que definen como unha «prevaricación de libro».
Resposta dos comerciantes
Tras estas palabras, os comerciantes explicaron nun comunicado que o proxecto de reforma que lles encargou o xulgado tras o auto publicado o pasado setembro (que lles denegaba medidas cautelares) está «rematando», e culpan ao concello de que o operativo de traslado se atrasou pola súa desidia.
Segundo afirman, a corporación municipal negouse a subministrar os documentos necesarios para a elaboración do proxecto, como un prego de prescricións técnicas ou unha memoria de calidades.
Por outra banda, expoñen que hai «silencio» e falta de resposta «ante os avances do proxecto entregados no concello».
Acceso ao edificio e situación actual
Os praceiros reprochan ademais que se lles denegou o acceso ao edificio da Praza de Abastos en repetidas ocasións, ao que lograron entrar esta semana «tras meses de espera».
Nesa visita, realizada polo equipo técnico da praza, puideron comprobar que o edificio «quedou esteticamente precioso, pero faltan todos os servizos necesarios».
De feito, afirman que o proxecto de reforma afronta unha complexidade adicional por este mesmo feito: «Na actualidade, o edificio é practicamente paredes, sen auga, luz, sumidoiros, montacargas, gas, saídas de fumes e un longo etcétera», expresa o comunicado publicado onte.
Litixio e disposición ao acordo
Por outra banda, os comerciantes cuestionaron que «encaixe legal» teñen estas últimas declaracións de Jácome no litixio no que se atopa inmersa a situación da Praza de Abastos.
Como o propio alcalde lembrou nas súas redes sociais, esta cuestión mantén vivos 2 preitos a día de hoxe, e a última actualidade xudicial foi que o xulgado admitiu as medidas cautelares solicitadas polos praceiros, despois de que o concello decretase o seu desaloxo.
A praza lembra tamén que están dispostos a chegar a un acordo para acelerar o proceso de saída da Alameda, atraso que, segundo a súa postura, «só é imputable ao concello», e rematar así cunha vía xudicial «que non beneficia a ninguén».