Samu Seijas nunha acción do duelo Bueu Atlético-Porriño. / Santos Álvarez
O Bueu Atlético calibrará as súas opcións de escalar postos na táboa clasificatoria e loitar pola quinta praza no partido que esta tarde (20 horas, pavillón municipal de deportes de Pontevedra, co arbitraxe dos andaluces Rafael e Álvaro Montes Cano) afronta ante o Lirón Teucro. E é que só un punto separa aos pontevedreses, que son sextos con 25, dos buenenses, sétimos con 24, con ambos moi pendentes tamén do que faga o Granitos Ibéricos Carballal, que é quinto con 25.
O obxectivo de ambos non é outro que o de rematar a tempada con dignidade, aínda que coa diferenza de que o Teucro partía coa vitola de ser un dos favoritos a pelexar polo ascenso. Non foi así e o cadro que adestra Sergio Carballeira –substituto de Irene Vilaboa– non respondeu ás expectativas. Os de Luis Montes, pola súa banda, refixeron un inicio máis irregular do previsto para situarse en zonas intermedias da Primeira Nacional, cunha melloría que lles permitiu ver con ambición a zona alta, un chanzo por debaixo da pugna pola promoción.
Os locais veñen de igualar na casa ante o Xiria e os de O Morrazo de gañar tres dos seus últimos catro encontros, caendo precisamente ante os de Carballo de forma moi contundente na súa última saída.
Montes repite lista e convocou aos porteiros Julio e Raúl; os primeiras liñas Samu Seijas, Roque, Brais, Gándara, Pepe, Martín Cadilla e Munín; os extremos Diego, Adri, Pedro, Vicente Enrique e Martiño; e os pivotes Rubén e Asier.