O Concello de Viveiro asume este ano a organización da Feira das Maulas que se vén celebrando desde hai máis de 300 anos na parroquia de Galdo, tradicionalmente o segundo domingo de maio. Faino tras anunciar os organizadores do ano pasado, a asociación Cabaleiros do Landro, que nesta ocasión lles era inviable facelo.
O Concello toma as rendas "coa vontade de garantir a continuidade dunha celebración de fonda tradición popular no municipio, que é considerada unha das máis antigas da súa tipoloxía en Galicia e un referente na Mariña".
A alcaldesa, Mariña Gueimunde, sinala que esta feira "é unha das celebracións máis antigas e singulares das nosas parroquias e o Concello ten a responsabilidade de implicarse para garantir que siga formando parte do calendario festivo e tradicional de Viveiro. Falamos dunha cita con valor histórico, social e tamén de identidade, que merece continuar e seguir sendo un punto de encontro para a veciñanza e para todas as persoas que cada ano se achegan a Galdo".
Nas vindeiras semanas comunicarán o programa desta cita, que adoita incluír mercado de gando a primeira hora, carreiras e sesión vermú. Ademais explicarán a proxección da feira "dentro e fóra do municipio".