CONTIDO:
Alumnado xogando ao baloncesto. / Marta G. Brea
Escollamos a serie infantil, xuvenil ou adolescente que escollamos, sempre aparecían os seus protagonistas cun balón na man.
E case nin se concibe o recreo sen o fútbol. Os nenos patando a pelota, as nenas en corrillo ou sentadas falando mentres que moitos outros están separados ou mesmo illados do resto dos seus compañeiros.
Esta concepción tradicional, arcaica e, por que non, obsoleta, dos recreos deu paso a patios dinámicos e inclusivos, onde o fútbol xa non é o rei.
Un novo modelo de recreo
«O fútbol xéranos moitísimos, moitísimos conflitos, así que lle demos unha volta; agora os mércores xogan unha liguiña na que teñen que participar nenas e nenos, non hai gañador e deben xogar todos», explica Lorena Pose, directora do CEIP Frián-Teis.
Esta revolución no patio comezou hai tres cursos.
Na actualidade, xogos tradicionais como o «pañuelo», o «escondite inglés», o «gato e o rato» ou o «balón prisioneiro» copan os recreos dos luns xunto con outros xogos de mesa na aula.
Os martes é a quenda do xogo libre, no que dispoñen de materiais como peonzas e outros obxectos adaptados a cada «ciclo ou idade».
Os mércores, ademais da liguiña, tamén dispoñen dun espazo maker (ferramentas e materiais para construír e crear os seus propios proxectos).
Os xoves poderán gozar dun espazo musical e os venres volven as peonzas e o espazo maker aos recreos.
Inclusión e convivencia
«Trazar este calendario de recreo tamén resultou moi beneficioso para o alumnado con necesidades educativas especiais (NEAE), como no caso de alumnado con TEA; está todo máis estruturado e saben que teñen cabida.
Todos teñen cabida nestas actividades», engade Pose.
A idea de crear estes patios inclusivos, dinámicos e cooperativos estase a estender, asegura a directora deste colexio de Teis, porque responde a «necesidades reais do alumnado» e ten un impacto moi positivo na convivencia.
Participación do alumnado
«Antes, nos recreos había unha grande conflictividade entre iguais; por iso un grupo de profesores decidiu poñer en marcha este proxecto.
Agora son os propios alumnos agrupados nun Consello e con representantes de cada curso os que elixen os xogos ou actividades que lles chaman a atención ou lles interesan.
Para o ano, xa están a falar de que a liguiña sexa multideporte e non fútbol», precisa Lorena Pose.
O exemplo do CEIP Balaídos
Case na outra punta da cidade, paradoxalmente no contorno do estadio do Celta de Vigo, está o CEIP Balaídos, onde desenvolven un proxecto moi similar durante os recreos.
Rubén Molinero, director do centro educativo, celebra a mellora nas relacións entre o alumnado desde que o «fútbol non o copa todo».
«É certo que as instalacións deportivas inclinan cara ao fútbol, o campo ocupa 3/4 partes do patio. Pero decidimos cambiar isto.
Un equipo de profesorado, implicando ao alumnado, optou por dinamizar a zona de xogos, facela atractiva, dinámica», conta Molinero.
Así, agora o fútbol cambiouse por «lanzamentos de penaltis» e por outros deportes que «non xeran tanta conflictividade» como balonmán, tenis, baloncesto, ping-pong, etc.
«Temos unha zona á que chamamos bolboreta onde poden xogar á petanca, á corda, con aros; todo o mundo xoga a todo.
Xa non teñen que elixir e xa ninguén queda o último, xa ninguén presúmese. Todos están integrados e tamén os NEAE, que antes estaban máis dispersos», conclúe Rubén Molinero.