CONTIDO:
José Tomé Roca, alcalde de Monforte, visitou as novas instalacións do ximnasio municipal de A Pinguela e anunciou que abrirán ao público o vindeiro luns, 2 de marzo, mantendo o mesmo horario que a piscina ao integrarse nese espazo.
A posta en marcha do servizo chega tras completarse o subministro e montaxe do novo equipamento deportivo, adxudicado por 106.791,98 euros á empresa Johnson Health Technologies SL.
Tomé destacou que «completamos a renovación integral do complexo deportivo da Pinguela», un proceso que comezou en 2023 coa reforma do pavillón polideportivo e continuou coa nova piscina municipal, inaugurada en outubro de 2025.
Un complexo deportivo renovado e moderno
Segundo o rexedor, «con estas actuacións, que xuntas supuxeron un investimento de seis millóns de euros, Monforte pode presumir agora dun complexo deportivo único, eficiente e moderno».
O alcalde anunciou que se está a traballar na documentación necesaria para redactar as bases da licitación da cafetería que dará servizo a todo o centro.
A súa intención é convocar o concurso «o antes posible para que todos os usuarios poidan utilizalo», destacou.
Equipamento e melloras no ximnasio
Ademais das máquinas de musculación e cardiovasculares adxudicadas a Johnson Health Technologies SL, o Concello completou o equipamento do ximnasio coa instalación de espellos na zona de peso libre, material fungible de adestramento e un reloxo dixital.
Esta dotación adicional supuxo un investimento de 7.253 euros.
Organización e servizos do novo espazo
Outra das novidades do ximnasio é a presenza dun monitor encargado de velar polo bo funcionamento da sala, así como de asesorar sobre o uso dos diferentes equipos a todas aquelas persoas usuarias que o precisen.
O ximnasio organízase en cinco áreas básicas: unha zona cardiovascular con cintas, elípticas e bicicletas orientadas cara á cristaleira exterior; un espazo de musculación con máquinas selectorizadas para traballar pernas, peito, costas e brazos; unha zona de peso libre con bancos, multipower e mancuernas; unha área de adestramento funcional equipada con poleas, barras de dominadas e unha zona final de alongamentos con 18 colchonetas.