Os vinte e cinco duelos entre o CB Breogán e o FC Barcelona en Lugo, primeiro no Pavillón Municipal e despois no Pazo, están ateigados de grandes fazañas e tamén dalgunha decepción. Pero todas elas baixo un denominador común: as batallas sempre foron desiguais entre un xigante, que chega desde a próspera e cosmopolita Cidade Condal, e un pequeno, que o recibe desde a humilde e bimilenaria urbe do Oeste peninsular.
Primeiros enfrontamentos e lembranzas imborrables
O primeiro enfrontamento entre ambos produciuse na tempada 1970-71, cando o club do león comezou a bailar entre os grandes. O 17 de xaneiro, nun pavillón "absolutamente cheo", os locais plantáronlle cara ao cadro catalán, no que xogaban nomes tan importantes como Antonio Flores ou Aíto García Reneses, aínda que caeron por 72-80.
Antonio Seral, unha auténtica institución do club lucense, onde ademais de xogador foi directivo e membro do corpo técnico, formaba parte daquela mítica plantilla. O zaragozano de nacemento pero lucense de adopción acórdase perfectamente daquela contenda "competida e igualada".
"Todo se loitou moitísimo e lembro o gran partido que fixo Manolito Díaz (rematou con 18 puntos)", sinala.
Porén, o máximo anotador aquel día foi Alfredo Pérez (30), que rematou o curso como máximo anotador de Primeira División cunha media de 27 puntos, unha auténtica barbaridade para aquela época.
O propio Seral subliña que aquela campaña estivo ensombrecida pola prematura morte da nova promesa Manuel Merino (22 anos) nun tráxico accidente de tráfico, no que el mesmo resultou ferido de gravidade. "A nivel persoal foi un ano bo ao principio, pero a partir do accidente todo cambiou. Tardei uns meses en recuperarme", lembra.
Da adversidade ao rexurdir na ACB
O Breogán xogou contra o Barça outros cinco partidos en Primeira e todos se saldaron con derrota. Tras unha etapa negra na que a entidade estivo a piques de desaparecer en dúas ocasións, o club resucitou como unha ave fénix e conseguiu chegar ao paraíso de novo, que agora se denominaba ACB.
Nas dúas primeiras tempadas (1984-86), o club brillou impulsado tanto por xente da casa —Manel Sánchez, Tito Díaz e Suso Fernández— como polos seus americanos —os dous 'Jimmys', Wright e Allen, Pellon, King…— e disputou 4 partidos contra o Barcelona, 2 da Liga regular e outros dous de play off polo título.
Os visitantes, nunha época na que contaban con xogadores da talla de Epi, Sibilio, Solozábal ou Trumbo, dominaron todos eles con claridade —por exemplo o 82-137 da eliminatoria xogada en abril de 1986—.
Curiosamente, nos anos sucesivos na máxima categoría só coincidiron unha vez —curso 1990-91 (60-77)—, pois a ACB organizábase en grupos par e impar, A-1 e A-2… Dende a tempada 1993-94 ata hoxe, xa cun grupo unificado, lucenses e barceloneses enfrontáronse en 14 ocasións, nas que 4 veces a vitoria quedou na casa.
Vitorias históricas e noites para o recordo
A primeira vez que isto aconteceu, que sen dúbida foi a máis soada, produciuse o 25 de setembro de 1999. O Breogán de Paco García arrasou ao Barça por 90-66 no 'partido de César Sanmartín', como é coñecido aquel día.
O aleiro barcelonés deixou unha primeira parte para os anais da historia celeste, na que anotou 22 puntos en tan só 8 minutos tras rubricar unha extraordinaria serie de 5/5 en triplos, 2/2 en tiros de dous e 2/2 dende a liña do 4,60.
Sanmartín concluíu finalmente con 33 puntos nun choque no que tamén brillaron José Miguel Antúnez (22) e o xigante holandés Serge Zwikker (12), que cos seus 2,19 metros é o maior rañaceos que vestiu a celeste, aínda que a súa gloria en Lugo foi efémera. E o Barcelona non era un inimigo menor, pois rematou como líder da Liga regular.
A segunda fazaña non tardou demasiado en chegar. Só dúas tempadas despois, na 2001-02, o Xigante catalán de Navarro, Jasikevicius ou Karnisovas volveu dobrar o xeonllo no Pazo.
Nesa ocasión destacaron no cadro celeste, que tamén capitaneaba Paco García, Devin 'Marabilla' Davis (26 puntos) —un dos mellores estranxeiros na historia do club—, Chus Lázaro (20) e o propio Sanmartín (18), que lle tiña tomada a medida ao equipo da súa terra natal.
Novamente, non houbo que agardar demasiado para que a afección celeste acadase o nirvana. A tempada 2004-05 o Breogán-Barcelona (95-85) deixou unha imaxe mítica que aínda perdura na retina dos seus fieis: o incrible mate de Charlie Bell nas propias narices de Bodiroga.
O asombroso escolta de Flint rematou o duelo con 30 puntos nun curso para o recordo non só do equipo do león, dirixido daquela por Moncho López, senón de toda a ACB.
Concluíu cunha media de anotación de 27 puntos e, ademais do citado, rubricou outros partidos espléndidos: o duelo de anotación fronte a Rakocevic, do Pamesa, que gañou por 40-30; ou os seus 8/13 desde máis alá do arco en Tenerife.
O milagre máis recente e o futuro inmediato
Houbo que agardar dúas décadas para contemplar outra vitoria do conxunto de Lugo, que foi tan épica como inesperada porque o Breogán estaba en descenso.
Foi a pasada tempada, cando os de Veljko Mrsic fixeron un partido marabilloso un 10 de novembro de 2024, moi intensos atrás e con argumentos na súa ofensiva, para dobrar ao todopoderoso coloso catalán (77-70).
Resplandeceron aquela tarde-noite do milagre Moore (22 puntos), Hilliard (18) e Vila (12 e 7 rebotes). Porén, a cabeza do técnico croata rodou só dúas semanas despois.
Mañá (12.15 horas) haberá outra historia en celeste e azulgrana.