Leontina, a avoa de Jessica Pérez Rodríguez, deixou de ser un número. Os seus seis anos vividos como interna no antigo Reformatorio de Mulleres de Lugo, entre 1954 e 1960, veñen de ser recoñecidos polo Ministerio de Memoria Democrática.
O caso de Leontina Fernández Luis é un dos primeiros que obtivo a Declaración de Recoñecemento e Reparación Persoal do Goberno de España. Tras visibilizarse o sufrimento e a vida de centos de rapazas que, durante o franquismo e mesmo ata os anos 80, foron chamadas "descarriadas" por seren nais solteiras, rebeldes ou "atentar contra a moralidade" e que eran internadas, en réxime de reclusión, baixo o amparo do Padroado de Protección da Muller.
O camiño cara ao recoñecemento
Foi duro o camiño ata chegar a este recoñecemento?
Si. Hai moitas mulleres ou familias destas mulleres que nin sequera teñen acceso aos seus expedientes porque existe moita resistencia aínda a dar a documentación.
No caso da miña avoa, tanto no Arquivo Histórico Provincial de Lugo como na Deputación facilitáronme papeis que demostraron o seu internamento no Reformatorio e foi así como se conseguiu este recoñecemento.
A vida no reformatorio
Cantos anos estivo a súa avoa no reformatorio Nosa Señora dos Ollos Grandes, na Rampa de Claudio López de Lugo?
A miña avoa entrou no Padroado de Protección da Muller, que era a institución que dirixía os reformatorios, en 1952, en Ourense, e ao reformatorio de Lugo chegou en 1954, rexentado pola congregación de Nosa Señora da Caridade do Bo Pastor de Angers.
E en 1960 trasladárona a Barcelona, onde estivo un ano ata que a enviaron para servir porque "non valía para monxa", dixéronlle. Grazas a iso despois emigrou a París e refixo a súa vida.
Hai moitas mulleres e familias que nin sequera teñen acceso aos seus expedientes. Aínda hai moita resistencia a dar a documentación.
Motivos do internamento e busca da verdade
Por que entrou a súa avoa no Reformatorio?
A miña avoa tivo unha filla, con 15 anos, tras sufrir abusos sexuais do seu padrastro. Deixou a nena coa miña bisavoa e marchou.
Pero a Garda Civil detívoa na estación do tren, un dos puntos vixiados por celadoras do Padroado, e levárona ao Reformatorio de Ourense. A bisavoa buscouna pero non soubo nada dela ata o seu regreso.
Como descubriu todo isto?
Deume por facer unha árbore xenealóxica e vin que tiña pouca historia da avoa Leontina. Só había unha foto dela cunha chea de monxas, pero non sabía nin que edificio era, nin onde estaba.
Mirei en Facebook por se recoñecía a fachada, pero tampouco atopei nada. Noutra foto, estaba ao lado dunha noiva e polas baldosas do chan, que eran panots, típicos de Barcelona, din coa igrexa e logo comprobei que estivera empadroada coas monxas do Bo Pastor, que estaban relacionadas coas de Lugo. Así cheguei ata aí.
A miña avoa tivo unha filla, con 15 anos, tras sufrir abusos sexuais do seu padrastro. Cando ía coller un tren, detívoa a Garda Civil e levárona ao Reformatorio.
Recordos e secuelas
Cal foi a súa reacción ao decatarse do sucedido?
Foi moi impactante. Descubres que existiu unha institución, o Padroado de Protección á Muller, que era un sistema de control terrible cara a elas.
De feito, en Lugo existía mesmo unha cela de illamento.
A súa avoa, xa falecida, nunca dixo nada deses anos en Lugo?
Dicía que aprendera a coser e que as monxas facíanas rezar e castigábanas fregando o chan de xeonllos.
Tamén contaba que eran moi malas.