CONTIDO:
A Cámara de Comercio de Oviedo expuxo ante o Goberno do Principado de Asturias, concretamente ante os responsables da Consellería de Comercio e Consumo, a necesidade de facer fronte ao que consideran unha competencia comercial desleal de Ribadeo cara aos negocios dos concellos do Occidente de Asturias.
Concretamente, aseguran que teñen datos que demostran como hai unha «fuga» de clientela cara Ribadeo, como a hai cara Torrelavega, en Cantabria, na zona oriental de Asturias.
Restricións legais en Asturias
A razón é que consideran que a lexislación asturiana á hora de autorizar a instalación de centros comerciais dun certo tamaño é excesivamente restritiva e iso rematou por favorecer a creación de puntos comerciais como o ribadense de Vilar que atrae aos consumidores asturianos.
Competencia desleal e diferenzas normativas
Os integrantes da Cámara de Comercio de Oviedo, moi representativa en toda Asturias, chegan a asegurar que agora mesmo hai unha «competencia desleal» entre territorios que xerou «dúas maneiras radicalmente distintas de entender a ordenación do comercio».
Explican que en Asturias rexe un texto legal de 2002 que establece un mecanismo de control minucioso para implantar unha gran superficie, a partir de 2.500 metros cadrados.
Neses casos o promotor necesita a denominada «Licenza Comercial Autonómica» que non se concede únicamente por cumprir coa legalidade urbanística, senón que a Administración asturiana somete o proxecto a un test de impacto que avalía a oferta existente na zona e a saúde do comercio tradicional.
A iso súmase unha zonificación definida polas Directrices Sectoriais de Equipamento Comercial, que concentran os grandes formatos na área central de Asturias.
Consecuencias para o comercio local
Dín que iso supuxo na práctica que fóra desa zona central asturiana apenas haxa grandes superficies e cren que iso está a empurrar á clientela cara Torrelavega por unha banda e cara Ribadeo pola outra.
Queixas dos representantes locais
Esta queixa foi compartida en ocasións polo alcalde de Castropol, Francisco Vinjoy, que manifestou os problemas administrativos e xudiciais que se atopan algunhas iniciativas comerciais para conseguir implantarse e asegura que xa puido comprobar como varias acabaron marchándose a Ribadeo a pesar de que Castropol era a súa primeira opción.
No seu caso, tamén se queixa do exceso de controis medioambientais.