jueves, 30 de abril de 2026 | Galicia, España
ÚLTIMA HORA Benvido a Galicia Universal — A túa fonte de novas de Galicia
Galego Castelán

Libros destacados da semana

Libros destacados da semana

«Fomos algo así como a froita que, contra ventos e tempestades, permanece intacta na árbore e parece sa, pero logo, tras caer un día, descóbrese que estaba podre ou tiña un verme no seu interior.» Teño a Xabier Quiroga como un dos grandes nomes da nosa literatura actual e, tamén, como un dos poucos que con total seguridade se seguirá lendo co paso das décadas.

Velaquí, nesta admiración confesa, xurdiu-me a dúbida de se eu sabería ser quen de mergullarme neste Alguén ao lado con absoluta imparcialidade, de manter afastadas as miñas lecturas previas do autor para, así, tratar esta novela como a novidade editorial independente que é.

Non sei se conseguín afastarme tanto como pretendía, mais por fortuna a ruptura radical da temática desta novela coas anteriores —as cales nos levaban á Guerra Civil— si que me foi favorable para o meu obxectivo.

Unha nova dirección temática

Intercalando recordos da adolescencia, da súa idade adulta traballando para don Celso e da fin de semana que pasa en Marrocos, descubrimos quen é Luís, tamén coñecido como Lis, e o modo en que a súa personalidade se forxou firmemente por mor dos acontecementos e, sobre todo, das persoas vencelladas á súa mocidade.

O pequeno grupo que formou coa Mar e co Iak, personaxes tamén principais, antes de ir estudar fóra rompeuse décadas atrás, mais aínda restan moitas cinsas no boquelo.

A forma de describir de Quiroga consegue facernos sentir no padal o sabor das especias que o Lis ule na viaxe a Marrakech, onde volverá atopar ao Iak, se cadra para varrer toda esa cinsa de vello; pero tamén dá conta de crear atmosferas escuras cando son necesarias, de embebedarnos nunha barca ás tres da madrugada ou de colocarnos con cada porro que os protagonistas levan á boca.

Metaliteratura e referencias literarias

Xa para rematar, se algo ten en común boa parte da obra anterior de Quiroga, iso é o pracer pola adhesión do concepto de metaliteratura á hora de elaborar o esqueleto que xungue os seus argumentos.

Non precisamos ir moi lonxe: nas dúas últimas obras que, ata agora, publicara —O baile dos estorniños e Coa man esquerda—, os protagonistas son escritores que reciben cadansúa historia porque, parece ser, cómpre seren escritas.

Neste Alguén ao lado, aínda que dun xeito máis feble, as participacións decenais en obradoiros de escrita creativa do protagonista, tamén escritor, dan unha outra puntada no fío que enxerta cada unha das novelas de Quiroga.

Clásicos revisitados: Gógol e a narrativa rusa

Foi o ucraíno N. V. Gógol (1809–1852) un escritor visionario que, curiosamente, introduciu o realismo na narrativa rusa. En Contos de San Petersburgo, obra de cinco relatos traducida por Aleksandr Dziuba e publicada por Rinoceronte Editora, vemos como o autor de Almas mortas procura unha representación veraz das historias, aínda que non renuncia a usar a fantasía e o humor.

Neste libro, no que aparecen seres humildes que padecen conflitos universais, en efecto, alternan fantasía e realidade.

En «Diario dun tolo» apreciamos un bo coñecemento da psiquiatría cando nos presenta un funcionario insignificante que se cre o rei de España; «O retrato» é unha reflexión sobre a arte e a ambición, que adquire unha dimensión visionaria, e en «O nariz» descubrimos unha mestura de absurdo e sátira social cando vemos como se independiza un nariz do seu dono e comeza a pasearse pola cidade nunha carruaxe.

En «A avenida Nevski», a arteria principal da cidade actúa como teatro de vaidades durante o día e, de noite, convértese nun lugar hostil no que impera a hipocrisía. «O capote» ten como protagonista un funcionario insignificante, que sofre a precariedade, a humillación social e as consecuencias dunha existencia anónima; o relato, cargado de ironía e compaixón, conduce á súa traxedia e deixa unha pegada inesquecible na narrativa rusa.

Compartir esta nova

C

Carmen Dorado

Periodista especializada en cultura y sociedad gallega. Colaboradora habitual en medios digitales del noroeste peninsular.

Únete a la conversación

Regístrate gratis con tu email para comentar en las noticias. Tu opinión importa.

🇪🇸 Castellano