Ao calor das súas últimas vitorias parlamentarias, Javier Milei inaugurou a Asemblea Lexislativa de 2026 cunha dose de trumpismo recargada e unha metralleta de insultos sen precedentes contra os seus adversarios. "Ladróns, ignorantes, a xustiza social é un roubo, delincuentes", vomitou aos opositores. "Kukas (peronistas), encántame domalos", mofouse. "Oligarca disfrazado de pordioseiro", espetou a un deputado. O ultradereitista falou durante unha hora e corenta minutos nos que pasou por momentos de autoindulxencia, datos falsos e a promesa de avanzar pola senda política e económica iniciada en decembro de 2023. O presidente arxentino non perdeu a oportunidade de aliñarse coa recente intervención militar dos Estados Unidos e Israel contra Irán. "Estamos no século das Américas, de Alaska a Terra do Lume", dixo o anarco-capitalista e permitiuse unha arenga en inglés: "Make America great again". Aos que cuestionaron os ataques acusounos de ter sido compracentes co réxime iraniano e Venezuela. "Vós estabades cos que lle puxeron dúas bombas, panda de asasinos e ladróns", sinalou sobre os dous atentados de carácter antisemita perpetrados na cidade de Bos Aires en 1992 e 1994, que en total deixaron case 100 mortos.
"Temos o Congreso máis reformista da historia", gabouse o ex tertuliano televisivo e avanzou que, tras abolir o réxime laboral de décadas, que abaratou os despedimentos e habilita traballar 12 horas, o Goberno, dixo, profundará esa dirección en áreas como a impositiva, electoral, civil, comercial, aduaneira e mesmo xudicial.
Milei celebrou a baixada da idade de imputabilidade aos 14 anos nun país onde menos do 1% dos menores cometeu delitos. "O que as fai, págallas", dixo. Outra vez reivindicou a “motoserra", a apertura das importacións, a ratificación do acordo Mercosur-Unión Europea e a política de privatizacións. Ante as expresións de desaprobación, respondeu: "son presidente de vostedes, que non lles guste. Vostedes non poden aplaudir porque se lles escapan as mans en petos alleos".
Nun cruce cun lexislador, Milei cualificou de falsos os audios que involucran ao seu ex avogado e ex amigo persoal, Diego Spagnuolo, nos que fala sobre un sistema de corrupción na Axencia de Discapacidade (Andis) que dirixía. Spagnuolo vincula a Karina Milei, irmá do presidente, nesa trama. Semanas atrás foi procesado pola xustiza.
O ultradereitista prometeu defender a machada o axuste "e unha política monetaria restritiva para rematar para sempre coa inflación". Cualificou de "corruptos" aos empresarios que se queixan da apertura irrestricta das importacións. "Quero arxentinos producindo, non arxentinos parásitos", dixo. En case 30 meses pecharon 30 pequenas e medianas empresas por día. "Estamos saíndo do pozo", asegurou, non obstante. E definiu ao seu ministro de Economía, Luis Caputo, como "o mellor do mundo".
O Goberno de La Libertad Avanza puido reverter o prognóstico sombrío que se insinuaba nas eleccións parlamentarias de outubro pasado a partir do apoio de Donald Trump. A vitoria do oficialismo permitiu cambiar as relacións de forza no Congreso e acelerar a axenda do Goberno. O magnate republicano, destacou Milei, "acudiu en axuda do noso país e non foi por cuestións económicas senón para defendérmonos contra o embate desestabilizador dos representantes do antigo réxime". Acto seguido berrou: "ou sexa, de vós, os golpistas de sempre". Na actualidade, "temos a forza para facer fronte a calquera golpe que queiran levar adiante".
"Milei en chamas", titulou o xornal La Nación. Foi un "stand up institucional e ameazante que abre a campaña á reelección". Para Ámbito Financiero, os arxentinos viron a "un Milei fóra de si". Segundo Clarín, o presidente estivo “enardecido”.
O xefe de Estado permitiuse as distorsións históricas: "Os fascistas son socialistas que entenderon que o camiño non era a violencia". Pero, sobre todo, a arte da irritación. Por iso díxolles aos opositores: "Encántame facervos chorar".