O Guitiriz non falla e colle distancia na loita polo liderado no Grupo 1. Os pupilos de José Manuel Lorenzo sufriron, pero lograron levar os tres puntos na súa visita a Xermade con dous destelos: o primeiro de Roi, a falta de 20 minutos para o final, e a sentenza de Asier no desconto.
Tras caer a xornada pasada fronte ao Guitiriz, o Riotorto tiña outro reto moi esixente esta fin de semana ante o terceiro clasificado, o Folgueiro. Os vicedenses foron dominadores da posesión e, á media hora, lograron adiantarse. Na segunda parte, a pesar de quedar cun menos, o Riotorto fíxose co dominio e logrou poñer o 1-1 definitivo.
O Goiriz impúxose 2-0 á Candelaria nun duelo con poucas ocasións e marcado polo xogo directo. Onde si houbo ocasións foi no San Ciprián-Pastoricense. Os mariñaos fóronse ao descanso dominando 3-2, pero á volta de vestiarios Iaguito puxo rapidamente o empate e, pouco despois, Dani e Edu culminarían a remontada.
Juanma García (Pastoricense): "Na segunda parte fixémonos donos do partido collendo e traballando as segundas xogadas"
Non houbo goles, pero si polémica no Castroverde–Cabreiros, xa que os de Iago Núñez protestaron ao colexiado un gol fantasma que non deu como válido na primeira metade.
Farra deulle o triunfo ao Meira cun dobrete fronte ao Matela. Jorge tivo dúas oportunidades moi claras para adiantar ao Matela na primeira metade, mentres que o Meira errou unha pena máxima. No segundo tempo, os de Rubén Bergantiños medraron e lograron sacar proveito de dous rexeites dentro da área para sumar os tres puntos. Tamén venceu na casa o Alfoz, 3-0 fronte ao Sporting Pontenova, e pouco a pouco vaise unindo á loita polo ascenso.
Casás e Celta Barreiros pecharon a xornada na zona norte cun duelo moi igualado. Os capitalinos adiantáronse na primeira parte grazas a un tanto de falta directa de Maira, que repetiría na segunda para ampliar distancias. Brayan anotou a sentenza e Rocky maquillou o resultado.
No Grupo 2, o Becerreá remontou o seu duelo fronte ao Monterroso B para afianzarse no liderado grazas á derrota do Santa Comba. Os de Javi Gómez son primeiros cunha vantaxe de seis puntos sobre o segundo, posto que agora mesmo ocupa o Lemos B, que venceu no duelo de filiais fronte á Sarriana B (0-2).
Javi Gómez (Becerreá): "Comezamos por debaixo pero puidemos repoñernos e remontar mandando no xogo e nas áreas"
O Santa Comba segue en mala dinámica tras caer no seu feudo 1-4 fronte ao Antas. Resultado moi importante para os de Brais Rozados, que recortan distancias na loita polo ascenso.
Febreiro foi, sen dúbida, o mes do San Lázaro. Os de Manel sumaron esta fin de semana o seu terceiro triunfo consecutivo, co que logran saír do descenso. En consecuencia, quen retorna ao descenso directo é o Chantada B, que caeu na súa casa 1-2 fronte ao Friol nun duelo moi disputado durante os 90 minutos.
Manel Díaz (San Lázaro): "A dinámica positiva e o traballo en equipo lévannos a acertar o que antes non saía"
O San Roque non quere descolgarse da loita polo ascenso, pero para iso tivo que sufrir contra o pechacancelas, o Sober. Os de Basi lograron remontar o tanto inicial de Iago para levar tres puntos clave en Montirón.
Ademais, Portomarín–Ferreira lograron un punto por barba (1-1), nun duelo entre dous equipos da zona media. O mesmo resultado deuse no derbi Páramo–Paradela, onde Álex rescatou un punto para os visitantes tras aproveitar un rexeite nun saque de banda nas postrimerías do partido.