De Lugo para o mundo. Unha spin-off do Campus Terra da USC, Tastelab, realizará este martes en Madrid a posta de longo dun software de análise sensorial que integra intelixencia artificial (IA).
Se Tastelab foi a primeira empresa de tecnoloxía sensorial de España cando naceu hai unha década, agora con este lanzamento volve ser pioneira, pero "a nivel mundial", segundo asegura a súa CEO e cofundadora, Maruxa Quiroga, unha coruñesa formada no campus de Lugo que é enxeñeira agrícola e doutora en Tecnoloxía dos Alimentos. A outra impulsora do proxecto é a catedrática de Tecnoloxía de Alimentos e directora da Cátedra do Pan e do Cereal da USC, Ángeles Romero.
Comercializará esa nova ferramenta tecnolóxica dentro da súa liña de negocio Sensesbit, que está dirixida á industria alimentaria e á de cosmética, aínda que Maruxa Quiroga precisa que tamén as de automoción e téxtil adoitan recorrer á análise sensorial.
A súa presentación en sociedade será no encontro Sensory Summit organizado para a ocasión, que terá lugar o día 10 no Hub BStartup Madrid. A cita xa é un éxito de antemán porque asistirán presencialmente 70 directivos de empresas de alimentación e de cosmética e outros 200 de forma telemática.
Tastelab, a través de Sensesbit, ofrecerá en alugueiro a licenza de uso deste innovador modelo de IA sensorial. Isto achegará ás empresas, segundo as súas creadoras, "un maior coñecemento á hora de tomar decisións estratéxicas".
"Estamos levando a análise sensorial da era analóxica ao futuro dixital", explica a CEO de Tastelab, que engade que "non se trata só de entender que gusta hoxe, senón de anticipar que namorará ao consumidor nos próximos meses".
Tastelab botou a andar hai unha década con Ángeles Romero e Maruxa Quiroga, segundo lembra esta. Hoxe en día conta con 15 traballadores, sobre todo enxeñeiros e programadores. O ano pasado incrementou a súa facturación un 40% respecto de 2024. Esta sociedade lucense ten clientes en unha decena de países da Unión Europea e de Latinoamérica, como por exemplo México e Colombia.
A saída ao mercado deste software de análise sensorial que integra intelixencia artificial permitirá este ano á empresa, a xuízo de Maruxa Quiroga, "multiplicar por catro a facturación e duplicar o cadro de persoal".
Prevén tamén que a nova ferramenta tecnolóxica lles permita abrir máis mercados no continente europeo e no americano. Precisa que con este lanzamento, "España se posiciona no mapa global da innovación sensorial, nun momento no que a IA está a redefinir industrias enteiras".