De Lugo para o mundo. Un spin-off do Campus Terra da USC, Tastelab, presentará este martes en Madrid o lanzamento dun software de análise sensorial que integra intelixencia artificial (IA).
Se Tastelab foi a primeira empresa de tecnoloxía sensorial de España cando naceu hai unha década, agora con este lanzamento volve ser pioneira, pero «a nivel mundial», segundo asegura a súa CEO e cofundadora, Maruxa Quiroga, unha coruñesa formada no campus de Lugo que é enxeñeira agrícola e doutorada en Tecnoloxía dos Alimentos. A outra impulsora do proxecto é a catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos e directora da Cátedra do Pan e do Cereal da USC, Ángeles Romero.
Comercializará esa nova ferramenta tecnolóxica dentro da súa liña de negocio Sensesbit, que está dirixida á industria alimentaria e á cosmética, aínda que Maruxa Quiroga precisa que tamén os sectores da automoción e do téxtil adoitan recorrer á análise sensorial.
A súa presentación en sociedade será no encontro Sensory Summit organizado para a ocasión, que terá lugar o día 10 no Hub BStartup Madrid. A cita xa é un éxito de antemán porque asistirán presencialmente 70 directivos de empresas de alimentación e de cosmética e outros 200 de forma telemática.
Tastelab, a través de Sensesbit, ofrecerá en aluguer a licenza de uso deste innovador modelo de IA sensorial. Isto achegará ás empresas, segundo as súas creadoras, «un maior coñecemento á hora de tomar decisións estratéxicas».
«Estamos a levar a análise sensorial da era analóxica ao futuro dixital», explica a CEO de Tastelab, que engade que «non se trata só de entender o que gusta hoxe, senón de anticipar que namorará ao consumidor nos próximos meses».
Tastelab puxo en marcha hai unha década con Ángeles Romero e Maruxa Quiroga, segundo lembra esta. Hoxe en día conta con 15 traballadores, sobre todo enxeñeiros e programadores. O ano pasado incrementou a súa facturación un 40% respecto de 2024. Esta sociedade lucense ten clientes nunha decena de países da Unión Europea e de Latinoamérica, como por exemplo México e Colombia.
A posta no mercado deste software de análise sensorial que integra intelixencia artificial permitirá este ano á empresa, a xuízo de Maruxa Quiroga, «multiplicar por catro a facturación e duplicar a plantilla».
Prevén tamén que a nova ferramenta tecnolóxica lles permita abrir máis mercados no continente europeo e no americano. Precisa que con este lanzamento, «España sitúase no mapa global da innovación sensorial, nun momento no que a IA está redefinindo industrias enteiras».
Únete a la conversación
Regístrate gratis con tu email para comentar en las noticias. Tu opinión importa.