Yago Iglesias valorou o empate do Lugo no Heliodoro Rodríguez López como un resultado “positivo” polo contexto do encontro.
“Intentamos facer o xogo que habitualmente facemos, de posesión e de defendérmonos coa pelota. Custounos polo rival que había diante, pero este punto hai que dalo por bo polo escenario e por como se puxo o partido”, explicou o técnico ribeirense.
Prantexamento táctico e riscos asumidos
O adestrador do conxunto albivermello defendeu o plan de poblar o centro do campo con xogadores “de bo pé e mobilidade” para xerar vantaxes ante o 4-4-2 do Tenerife.
“Queríamos acumular xente por dentro, xerar problemas coa mobilidade e, a partir de aí, correr ás costas”, sinalou, admitindo que o balón parado era o risco asumido. “Éramos conscientes de que podía ser o noso punto débil, pero o equipo concedeu pouco”, engadiu.
Momentos clave do partido
Recoñeceu Yago Iglesias que o Tenerife foi superior durante boa parte do primeiro acto, pero destacou a reacción antes do descanso.
“No treito final da primeira parte temos situacións para empatar”, afirmou, e apuntou unha acción clave: “Hai un posible penalti sobre Iago Carracedo. Na imaxe, ademais do corpo a corpo, hai contacto no pé. Se fose penalti, veríamos outro partido”.
Balance final e protagonismo dos porteiros
Na súa análise global do duelo, subliñou a competitividade do Lugo e o peso dos porteiros no encontro.
“Marc Martínez tivo moi pouco traballo e Dani Martín fixo paradas de moito mérito. Non é nada doado vir aquí con esta afección e competir 97 minutos. Sumamos un punto para seguir nos postos altos”, concluíu.