A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a repartición de 1,55 millóns de euros en axudas provinciais destinadas á organización de eventos e competicións deportivas e aos clubs que participan en competicións oficiais de ámbito estatal, segundo anunciou o presidente da institución, Luis López.
“1,55 millóns de euros para o deporte da provincia. Feitos e recursos concretos que demostran que este é un goberno comprometido e que avanza, de xeito imparábel, para reforzar Pontevedra como a provincia do deporte”, subliñou o presidente.
En total, 153 clubs deportivos benefícianse de 550.000 euros para organizar eventos deportivos, mentres que 87 entidades que participan en competicións oficiais de ámbito estatal recibirán un millón de euros, 100.000 euros máis que en 2025.
Axudas para a organización de eventos deportivos
As axudas para organizar eventos deportivos distribúense a través de dúas liñas. A primeira repartirá 300.000 euros entre 48 clubs de 18 concellos da provincia, que recibirán entre 1.000 e 21.000 euros, para organizar competicións deportivas federadas oficiais de ámbito estatal ou internacionais, como campionatos ou copas de España ou do Mundo, e competicións deportivas oficiais de alto nivel.
A segunda liña destinará 250.000 euros entre 105 entidades deportivas de 34 concellos, que recibirán entre 775 e 9.300 euros, para organizar competicións deportivas oficiais e non oficiais, de todos os ámbitos territoriais, non incluídas na primeira liña.
Clubs en competición estatal
Canto aos clubs que participan en competicións oficiais de ámbito estatal, trátase de 87 entidades de 25 concellos da provincia que se beneficiarán de cantidades que oscilan entre os 575 e os 38.000 euros.
Son, tal e como lembrou o presidente, clubs de practicamente todas as disciplinas deportivas, desde fútbol, balonmán ou baloncesto, até ciclismo, tenis, surf, billar, xudo, squash ou tríatlon.
Fonte: Deputación de Pontevedra