A Xunta de Galicia publicou o libro Lugopoética 2026, que recolle a obra e reflexións dos 12 poetas reunidos este ano no certame homónimo. A publicación corre a cargo da Secretaría Xeral da Lingua.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, participou na presentación do libro e subliñou que a proposta pon en valor o talento dos creadores locais. «Perseguimos o obxectivo común de poñer en valor o talento dos nosos creadores, e un dos camiños é fomentar a produción literaria galega, como vimos facendo da man de Lugopoética», afirmou.
A iniciativa, que cumpriu a súa terceira edición, está organizada polo colectivo Egeria, Brandán Comunicación e a Uned de Lugo, e conta co apoio do Goberno galego e do Concello de Lugo. O certame desenvolveuse en seis sesións celebradas entre os meses de febreiro e xuño, cada unha protagonizada por unha parella de autores e coordinadas polo escritor Xosé Carlos Ulloa.
Os creadores incluídos no libro son Diana Varela Puñal, Chelo Gayoso Díaz, Alicia Fernández Díaz, Elena Pérez López, Xosé Lois García, Ramón Rodríguez Porto, Xacobe Sánchez Quintela, Xosé Antón Cascudo, Eduardo Carreira López, Ánxela Gracián, Ana Mar Fraga Rábade e Mari Luz Balsa Rábade.
O acto de presentación tivo lugar no Concello de Lugo e contou tamén coa intervención da alcaldesa, Elena Candia; o presidente de Egeria, Xulio Xiz; a directora do centro asociado da Uned en Lugo, Ana Traseira, e varios dos autores que participan no libro, entre outros asistentes.
Fonte: Xunta de Galicia