O Auditorio Municipal de Verín acolleu o 19 de setembro de 2026 o XXII Encontro Provincial de Voluntariado de Cruz Vermella en Ourense, unha cita anual que reuniu a máis de 150 persoas voluntarias procedentes das diferentes asembleas comarcais da provincia nunha xornada de convivencia, recoñecemento e intercambio de experiencias.
Ao acto institucional asistiron representantes das diferentes administracións públicas, así como responsables da organización e autoridades da comarca. A inauguración correu a cargo de Gonzalo Hervera, presidente comarcal en funcions de Cruz Vermella en Monterrei, e de Diego Lourenzo, tenente de alcalde do Concello de Verín.
Na súa intervención, Lourenzo puxo en valor a dimensión humana e social do traballo que desenvolven a diario as persoas voluntarias. «O voluntariado representa unha das expresións máis valiosas do compromiso coa comunidade. As administracións temos a responsabilidade de poñer en marcha recursos, servizos e políticas que melloren a vida da cidadanía, pero nunca poderemos substituír algo tan profundamente humano como acompañar, escoitar e tender a man a quen o precisa. Para Verín é un orgullo acoller este encontro e contar con persoas que deciden non permanecer indiferentes ante as necesidades dos demais», destacou o tenente de alcalde.
Pola súa banda, o presidente provincial de Cruz Vermella en Ourense, Felipe Ferreiro, destacou o valor do voluntariado como motor de transformación social e agradeceu o compromiso das persoas que colaboran día a día nos proxectos da organización, contribuíndo a dar resposta ás necesidades das persoas máis vulnerables da provincia.
Recoñecementos ao voluntariado
O encontro serviu tamén para visualizar iniciativas de impacto social e ambiental desenvolvidas na comarca, entre elas a reforestación de máis de 12 hectáreas realizada en Guimarei, no Concello de Monterrei.
Un dos momentos centrais da xornada foi a entrega dos Recoñecementos á Acción Voluntaria, conducida por Javier Manteiga, secretario provincial de Cruz Vermella en Ourense. Nesta XXII edición, a organización entregou oito Diplomas de Recoñecemento á Acción Voluntaria e cinco Medallas de Bronce.
As Medallas de Bronce foron para Pablo Mosquera Otero, Gonzalo Hervera Mené, María del Pilar Vega Sánchez, José Manuel Araujo Dacosta e Manuela Dorado Domínguez. Os Diplomas de Recoñecemento recaíron en Sandra Hoyos, Nieves Lara López, Alfredo Aguiar Pérez, María Montserrat Iglesias Pena, Xoan Carlos Luis Fernández, María Milagros Penín Quintas, Luis Javier Fernández Vedo e José Manuel Cortizo Estévez.
Cultura e participación
A xornada incluíu espazos culturais presentados polo xornalista, locutor e actor de dobraxe Carlos Reboreda, tamén voluntario de Cruz Vermella. A actuación musical correu a cargo da cantante lírica Carmen Villabril Álvarez e de Ría Garrido Ruíz, pianista do Conservatorio de Verín. O programa reservou ademais un espazo para o Entroido da comarca de Verín, coa participación de Rebeca André Estévez e José Carlos Cabido Sabariz. O encontro terminou cunha actividade participativa dinamizada por Lismar Nauyoli Peña Fernández, voluntaria da asemblea comarcal e monitora do obradoiro de bailoterapia para persoas maiores no rural.
Fonte: Concello de Verín