O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, participou na entrega de diplomas aos 51 beneficiarios da actual edición do proxecto Erasmus+, unha iniciativa da administración provincial que ofrece prácticas laborais en países da Unión Europea a estudantes e docentes de Formación Profesional. O acto celebrouse no salón de plenos do Pazo provincial.
No encontro deron cita máis de medio centenar de mozos que estudan en 43 centros de Formación Profesional da provincia, correspondentes a 24 concellos. Tras a benvida do presidente, cada un dos beneficiarios subiu ao escenario para recoller o seu diploma.
Luis López subliñou que as prácticas no estranxeiro para estudantes de FP están a ter un grande impacto na formación da mocidade e na competitividade da provincia. «O proxecto Erasmus+ é moito máis que unha estancia no estranxeiro, é un proxecto co que todos saímos gañando: o alumnado, os centros de formación e toda a provincia», declarou o presidente para dar a benvida aos asistentes.
O programa vai xa pola súa quinta edición, que, aínda que non rematou, terá continuidade cunha sexta convocatoria, e conta este ano cun orzamento de 900.000 euros. Segundo os datos achegados no acto, nas cinco edicións postas en marcha participaron un total de 449 alumnos e docentes, cifra que, tendo en conta a previsión para a presente e próxima convocatoria, incrementase ata os 578 beneficiarios. En total, o programa beneficiará a preto de 600 alumnos e docentes de institutos de Formación Profesional.
Tras a entrega de diplomas, a técnica de Formación do servizo de promoción de Emprego da Deputación fixo un balance da pegada do proxecto. A continuación tivo lugar un coloquio cunha coordinadora do proxecto no IES Ribeira de Louro de O Porriño e un alumno participante no programa do IES de Rodeira de Cangas.
Na presente edición, as mobilidades realizáronse en países da Unión Europea como Alemaña, Francia, Italia, Irlanda, Malta, Finlandia, Croacia, Bélxica ou República Checa. O presidente detallou que desde xaneiro de 2026 se fixeron posibles 30 mobilidades e que xa están pechadas, ata abril de 2027, outras 21 mobilidades máis.
Fonte: Deputación de Pontevedra